Sempre tiven fascinación pola ópera, e polas cantantes de ópera. Na miña adolescencia seguía de cerca as carreiras das que aínda estaban vivas daquela, coma Montserrat Caballé ou Victoria de los Ángeles, e devoraba as biografías das que xa non estaban, coma Maria Callas ou María Malibrán. E aínda que a miña paixón pola ópera continúa intacta, coa idade fun deixando de lado a miña outra paixón, a das biografías. Mirando á miña biblioteca vexo catro libros sobre a Callas, e sei que os devorei, pois están marcados, anotados, desgastados; pero pouco lembraba da súa vida persoal cando me sentei co Xan esta semana a ver Maria, a última película sobre Maria Callas, dirixida polo chileno Pablo Larraín, e protagonizada por Angelina Jolie. E pasoume o que me pasa sempre, que me emocionei con simplemente escoitala, pois a Callas ten ese efecto en min, e nesa embriaguez deixeime levar pola delicada historia que se relata na película, unha recreación psicolóxica dos últimos sete días da gran diva da ópera, que no momento da súa morte, aos cincuenta e tres anos, xa levaba un tempo retirada da vida pública.
Dicía Larraín nunha entrevista, que a pesar de documentarse meticulosamente, de ter lido todo sobre a Callas, realmente non se sabe quen é ela, a persoa, e que iso é algo que comparte coa actriz que a representa, Jolie. E ese misterio que hai arredor da soidade das que chegan tan arriba, das que xa non poden separar o personaxe da persoa, transcende na película, e empapa de maxia esta obra de ficción que, dalgún xeito, retrata tamén todas esas emocións universais relacionadas co paso do tempo, co que somos e deixamos de ser nalgún momento das nosas vidas...