Vergoña é pouco

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Candela Ordóñez | EUROPAPRESS

24 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera que fale con mestres, xornalistas, sanitarias ou dependentes terá comentado un cambio na maneira de dirixirse ao público ou aos colegas. Xa se sabe que na cultura hispánica temos tendencia á animalada, da que dan conta saúdos con insultos e dicionarios de xuramentos. Pero, por sorte, sensibilizámonos. Integramos unha maior empatía cara ás cuestións que poden mancar.

Agás no mundo xudicial. Xuíces, fiscais e avogados, baixo a intocabilidade das togas, e coa súa aura de divindade por teren as nosas vidas nas súas mans, son refractarios a ese humano respecto. O interrogatorio deste xuíz Carretero a Elisa Mouliaá, presunta vítima de agresión sexual de Íñigo Errejón, non lles lembra a aquel fiscal que hai 25 anos acabou con Nevenka Fernández? Se unha mestra se enfronta a diario á fiscalización da súa linguaxe, como é posíbel que un xuíz, ante unha vítima, poida permitirse unha agresividade verbal que abeira o acoso?

Xa aprendemos que, nos delitos de agresión sexual, o interrogatorio pode servir para culpar a denunciante, mentres que unha vítima de estafa, por exemplo, non ten que explicar se, coa avaricia, rompeu o saco e atraeu aproveitados. É unha vergoña que non se poida esixir aos xuíces o cumprimento dunhas mínimas formas, nas que nin sequera teñan que crer. Por que? Porque saben que poden facer caer leis, persoas e institucións con total impunidade, coma se España non fose xa unha democracia, con separación de poderes, na que todas somos iguais ante a lei.