![](https://img.lavdg.com/sc/i_zn_eRWeL6t7PIi72iKk5mQwdE=/480x/2025/01/27/00121737999841940512511/Foto/reu_20250127_115954480.jpg)
Levamos esta primeira semana do segundo mandato de Trump reparando por fin nun cambio de curso da historia que comezou a mediados da década pasada. É inexacto que a historia se mova máis aceleradamente nas nosas vidas ca en calquera outro momento do pasado; é a típica ilusión presentista. De feito, as oito décadas despois de Auschwitz deseñaron mecanismos de estabilidade xeopolítica e económica difíciles de bater, difíciles de vulnerar para as sociedades de consumo de masas e as formas democráticas de organización política estendidas no mundo. Transgredir, subverter ou modificar esas estruturas era difícil e levaba tempo.
A subversión dos marcos da posguerra mundial é o que estamos constatando nesta semana Trump e no mes de xaneiro deste ano. A transgresión non é que acabe de empezar, agora apréciase claramente e estase por fin reparando no seu alcance. Alén do propio Trump como síntoma aparente, hai riscos máis distintivos. Permitir a matanza de palestinos en directo durante quince meses sen que o mundo logre parala. O dominio asentado, que non empezou onte, pero agora xa é visiblemente político, dos señores feudais da tecnoloxía. A evidencia de que xa non queda ren —nin a hipocrisía— da retórica sobre a saúde do planeta; despois de 50 anos de informes científicos, medidas políticas e green washing empresarial, o medio ambiente será para quen poida pagalo, coma a sanidade e a educación.
Neste contexto e neste mes parece darse certa toma de posición e conciencia. En America First, onde aínda están noqueados. En Europa, onde a dereita democrática parece empezar a falar en serio sobre que modelo prefire: o social consolidado ou o dos trumpistas que foron a Washington ver por TV a toma de posesión. Aínda falta que a esquerda europea o entenda tamén e que poida haber acordos nese novo horizonte. En España, iso é política ficción, pero xa non o é entre Macron e Starmer, Macron e Scholz, entre este e Merz, o seu rival da CDU nas importantes eleccións de febreiro. Veremos. Por non falar de Dinamarca.
As nacións aliadas que derrotaron o nazifascismo fundaron a ONU, xulgaron os responsables do exterminio industrial de persoas e instituíron dous tipos de crimes descoñecidos, á altura daquela barbarie: o crime contra a humanidade e o delito de xenocidio. Á vez, comprometéronse a un entendemento xeopolítico global e mantivérono durante a guerra fría e despois de 1989, nun equilibrio que durou ata agora, penalizando por exemplo a ocupación de territorios. Tamén paralizaron daquela as investigacións xenéticas para unha enxeñería euxenésica do superhome.
Hoxe, o mundo está en cuestión en Gaza, na falta de control da IA ou nas ameazas contra Groenlandia, 80 anos despois de que o Exército soviético descubriu o horror dos 50 quilómetros cadrados do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau. A historiografía e a filosofía preguntáronse despois como fora posible aquela barbarie. Superviventes como Primo Levi contaron aquel inferno entre a incomprensión e ata o suicidio. Coñecer o pasado máis incómodo, recoñecelo e tirar conclusións actualizadas axuda a entender as derivas nas que parecemos entrar e pórlles couto.