
Educar hoxe os fillos no uso responsable do móbil, facilitándollelo cando estean maduros para usalo, supón ir en contra da corrente xeral da sociedade, gregaria e manipulada polos grandes medios de comunicación. Son, por iso, absoluta minoría as familias que o fan, xa que hai que ter formación e criterios moi claros para resistir a presión, cada día máis abafante. Os pais permiten o uso do móbil aos fillos antes de tempo, porque, se non, os seus compañeiros se meten con eles, porque non queren liortas que poidan carrear unha perda do seu cariño ou porque na casa se practica unha educación permisiva, sen ningún tipo de límites.
Non estraña, xa que logo, que unha gran maioría dos rapaces accedan ao seu primeiro teléfono aos 12 anos, e mesmo antes unha porcentaxe alta, de acordo co recente informe da plataforma de seguridade en liña Qustodio, sobre hábitos dixitais dos menores en varios países, entre eles España. Nin tampouco estraña que case a metade dos pais non estean de acordo coa idade á que lles permitiron o móbil aos fillos e que máis dun 80 % pensen que estes pasan demasiado tempo con el.
Os grandes riscos de usar a estas idades, durante máis de catro horas diarias fóra do centro escolar, os teléfonos intelixentes (smartphone) son o acceso en internet a contidos non apropiados, a adicción ou o ciberacoso. E, por riba, a gran perda de tempo que impide realizar actividades esenciais nestes anos, como son xogar ao aire libre, facer deporte ou relacionarse persoalmente cos demais.
Non hai postura clara respecto á idade na que se pode ter o primeiro móbil. Algúns expertos opinan que aos 12-14 anos, mentres que outros non antes dos 16. Cremos que non é cuestión de idade, senón de madurez, pero, en calquera caso, non antes dos 13, pois aínda non hai capacidade para xestionar a información e os estímulos da rede. Os proxenitores deben controlar as aplicacións ás que se pode acceder na rede e os tempos de uso do móbil, que non debe restar horas ao descanso ou ao estudo.
Para que os fillos maduren e se fagan responsables, é esencial que os pais estean moi próximos a eles, cunha comunicación constante e aberta. Non se trata tanto de prohibir coma de razoar, tratando que o rapaz comprenda os riscos de internet e das redes sociais, e tamén o feito de non ter un móbil tan bo e con liberdade plena de uso coma os seus compañeiros.
E os propios pais deberían limitar tamén o seu uso das pantallas, pois o que falta hoxe á hora de educar é, precisamente, exemplo.