Re-parar no patrimonio

J. Luis Gil Pita VOGAL DE CULTURA E PATRIMONIO DO COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos, estamentos públicos, profesionais e cidadanía seguen logo de anos de discurso —mesmo de cháchara— bloqueados, cada un na súa propia voz, nun ámbito máis teórico que real, sobre como facer revivir o noso patrimonio. A pesar dos avances, a percepción real é de derrota, e na derrota, como dicía o sabio, hai moito a dicir pero pouco que contar, así que escribir unha vez máis sobre o tema resulta canda pouco desasosegante. Éo porque a pesar das boas intencións comúns e individuais, temos atendido máis ao obxecto, á propia riqueza individual dos bens patrimoniais, que ao seu sentido de enlace dentro da estrutura social, económica e xeográfica, por ende paisaxística. Como pensar nunha restitución da arquitectura de valor cultural, expresión última dun equilibrio complexo, sen antes reestruturar os contidos da sociedade e o territorio que a mantén?

Esa miope mirada, elemento a elemento, procurou a supervivencia de moitos bens, sen salvar o seu contexto que é realmente o soporte que lle daría un sentido complexo e enriquecedor. Así, o que temos máis alá de espazos de indubidable valor e accións tamén moi correctas, é un conxunto de singularidades a salvo, pero non un corpus de comportamento propositivo, sensible e áxil para tratar os problemas actuais, como a despoboación. Preocúpanos hoxe a pervivencia do valor patrimonial do pequeno, só en aparencia menor, pero que por contra é fundamental como sistema e superestrutura dos valores culturais que deben ser protexidos e valorados. Eses espazos, lugares, tecidos de bens, que non teñen rexistro ou a pesar de telo e que dependen de cada un de nós, propietarios, profesionais e sociedade, seguen invisibilizados como motor dunha identidade cultural e dunha economía real. Como facermos entender que os recursos que nazan do seu coidado son fundamentais para un equilibrio territorial e medioambiental? Os valores patrimoniais nunca deberían cinguirse a un sentir estético, como o mundo neoliberal que habitamos reclama, senón como parte estruturante do habitar no medio, ben estean emprazados no interior, na costa, no rural de baixa densidade, nas vilas ou nas nosas cidades. Un sistema patrimonial entrecruzado reparado e reafianzado asegura vida e conexión coa memoria si, pero tamén cun futuro vivo.

Hoxe existen máis alá do compromiso das entidades públicas, a pesar dos seus escasos medios, exemplos de acción cidadá, asociativa e profesional de gran impacto na recuperación da autoestima sobre este soporte, a maior parte deles actualizando as reivindicacións históricas de moitos que denunciaron unha persistente anomia. Axentes que están na vangarda dun entendemento cruzado entre diversas áreas medioambientais, económicas e culturais que enriquecen o coñecemento do patrimonio cunha visión propositiva e afastada da nostalxia improdutiva.

Reparemos o contexto, no sentido que o galego ben sabe dar á palabra «reparar» como apercibirse, darse conta, para os anglosaxóns to realize. Parémonos a pensar antes de afrontar esta tarefa que precisa desa consciencia pero tamén dunha acción urxente, sen longas trabas e con máis medios para un bo control, que provea tamén unha flexibilidade axeitada aos usos actuais e á nosa riqueza cultural construída, non so arquitectónica.