
Ás veces, os deputados viaxan. Viaxan como deputados, enténdase. Xa Camba, en 1910, ao pouco de chegar a París, fai de anfitrión dun recentemente elixido membro do Congreso, que abraiado descobre ao chegar á estación de Quai d'Orsay como hai escaleiras polas «que se sobe sen necesidade de moverse», porque «un instálase nun banzo, e o banzo sube só»; ou cintas de coiro autónomas que levan as maletas dun lugar a outro en poucos minutos. De non ser membro das Cortes, escribía Camba, o deputado visitaría a capital francesa «de incógnito» ou non iría por «non considerarse coa suficiente personalidade para ir a París». Esta semana, unha plural representación dos grupos parlamentarios no Congreso viaxou a Bruxelas, convidada pola Comisión Europea. A comitiva non se sorprendeu ante a presenza de cintas transportadoras ou de escaleiras mecánicas. Máis rechamante resultou o ritmo, propio dunha cinta transportadora, das reunións con altos cargos, incluídos os titulares de catro comisarías da Comisión, ese embrión do que algún día será o Goberno de Europa. O obxectivo: coñecer de primeiras a «gran folla de ruta» para o novo mandato de Von der Leyen: o denominado «compás da competitividade».
En efecto, o novo Executivo comunitario, tras constatar a enorme perda de competitividade que a UE ten experimentado desde o inicio de século en relación coas economías norteamericana e china (o 80 % da tecnoloxía usada na UE vén de fóra da UE), e inspirado polo informe elaborado por Mario Draghi, persegue reincorporarse á carreira do progreso impulsando tres grandes áreas. A innovación, coa intelixencia artificial aplicada ás empresas, á industria ou á biotecnoloxía. A descarbonización, apoiando as enerxías limpas. E a seguridade, reducindo dependencias do exterior, garantindo liñas de subministración diversificadas de materias primas. Actuarán a través de varios eixos transversais para reforzar o mercado único, entre os que salienta a simplificación administrativa («as empresas dixéronnos: basta de regulamentación!»). A idea é crear un vixésimo oitavo réxime xurídico administrativo e tributario común para as empresas europeas alternativo aos nacionais.
A vontade de cambio é positiva. Como dixo un dos asistentes, onde antes se falaba de resiliencia, agora ao menos fálase de simplificación. Pero xorden dúbidas, polo menos para algún dos deputados novatos que, de non ser deputado, non asistiría por «non considerarse coa suficiente personalidade para ir», neste caso a Bruxelas. Porque a UE vai ter menos recursos: en 2026 rematan os fondos Next Generation e non terán continuidade. A maiores, o marco orzamentario que comezará no 2027 asumirá os custos da débeda coa que a Unión financiou eses fondos, recursos que se detraerán dos programas que actualmente financia. E os 800.000 millóns de euros de investimento que Draghi propuña non serán públicos; aínda que se confía que veñan do propio mercado.
Pero non caian no pesimismo. Porque obviamente a ese deputado novato e algo escéptico pasoulle algo parecido ao que visitou a Camba en París. Camiño do hotel, o xornalista íalle mostrando o Obelisco, a columna Vendôme… pero ao chegar á Ópera xa lle dixo: «Mire vostede. Aí está a Ópera… Eu coñezo moi ben todo isto».