
Xosé A. Touriñán, David Amor, Arantxa Treus, Roberto Vilar, Isi, Pepo Suevos, Jazmin Abuín, Quico Cadaval, David Noya, Isabel Risco, Cándido Pazó, Carmen Méndez, Avelino González, Celso F. Sanmartin, Xan Veiga, Fran Rei, Luis Iglesia, e outros tantos que non poderon asistir polos seus compromisos, organizaron e participaron na gala de humor e recoñecemento que baixo o título de «Farruco dálle as grazas a José Luis» celebrouse no Salón Teatro de Santiago de Compostela o pasado 4 de febreiro. Foi moito, non só polo que representa para a cultura galega unha gala de humor, na que se evidencia a retranca, o sarcasmo e a ironía galega, senón tamén porque estase a manter unha liña intelectual moi potente a nivel galego na que, se cadra, o seu precursor foi o mesmo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A distancia entre Rianxo e Soutomaior non é moita, a do tempo que lle tocou vivir a cada un tampouco, un naceu en Xaneiro do 1886 e outro en abril do 1942, apenas coincidiron neste mundo oito anos. O discípulo, no eido do que falo e se me permiten chamalo así, foise facendo despois do pasamento de Castelao, que tivo tanto impacto nel que probablemente sexa o pupilo avantaxado que lle gustaría ter. Non vou falar da obra de don Alfonso, soamente aproveito esa gala para destacar que a homenaxe a Farruco foi un acto de ensalzamento da retranca e do humor galego, irónico, sarcástico e a vez intelixente, eloxiando a importante labor de Farruco na súa difusión durante os últimos 50 anos.
Todos eles, agradecidos, o identificaron como o que abriu as portas as novas xeracións de humoristas, enxeñosos e mordaces, que representan o sentir dos paisanos galegos nas cousas da vida.
Co galo do 75 aniversario do pasamento declarouse o 2025 como Ano Castelao, e parece un bo momento en atención aos méritos que concorren en Jose Luis Bernal Farruco, humorista, actor, escritor galego, para que se lle conceda a medalla Castelao. Sentiranse orgullosos os seus devanceiros: Joselín, José Mosquera O vello do cotos, Xan das Canicas, Carlos Díaz O Xestal, tamén seu maestro Castelao. O humor galego o agradecerá.