125 anos con Brañas

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

J. M. CASAL

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día como hoxe, un 21 de febreiro de hai 125 anos, falecía en Compostela Alfredo Brañas, á temperá idade de 41 anos. Vita brevis, ars longa…, son múltiples as manifestacións da súa extraordinaria vitalidade, que inclúen o pensamento e a reflexión política, a teorización económica e político administrativa, o activismo político e relixioso, o xornalismo, a historiografía, a promoción das letras galegas e tamén, aínda que como dixera Carvalho Calero era o aspecto menos relevante da súa «sobresaínte persoalidade», na creación literaria. Brañas brillou na Galicia de finais do século XIX, como exemplo moral (renunciando, pese á súa precariedade económica, ás ofertas que recibiu para entrar en política) e pola súa intensa pegada nos seus coetáneos (Curros declarouse «soldado de la legión que él acaudilla»Terra Galega, 1895). Pegada que persiste 125 anos despois da súa morte.

Ramón Piñeiro resumiu perfectamente as «dúas forzas que configuraron a súa existencia»: o galeguismo e a relixiosidade. Pero, a diferenza doutros teóricos do galeguismo político, fíxoo desde a cátedra universitaria, o que lle permitiu, nas sucesivas concrecións da súa proposta autonomista, elaborar o «programa político máis senlleiro e influente da última década do século XIX» (Fraga Iribarne, 1999); ou diagnosticar a crise económica finisecular facendo gala «duns amplos coñecementos e formación conceitual no eido da economía política», cunha «considerábel capacidade analítica dos fenómenos que examina» (Beiras Torrado, 2010).

Son xa moitos os estudos académicos que abordan as contribucións de Brañas á teoría política e á economía. O xuízo que merece a súa obra é variado, e non sempre exento de certas acronías e intentos de apropiación ou denigración dunha figura que, como todas as grandes, admiten lecturas diversas. Pero resultan incontrovertibles dous feitos. O primeiro é que no ámbito da organización territorial foi un avanzado ao seu tempo, ao vencellar o desenvolvemento económico e social dos territorios con personalidade propia ao principio organizativo dunha ampla autonomía política dentro de unidades políticas máis amplas (España, Europa, a humanidade).

E, no ámbito máis estritamente económico, por ser un dos primeiros e destacados representantes do escola social-católica que, inspirada pola influencia da doutrina social da Igrexa a partir da Rerum Novarum de León XIII, evoluciona, como salientan os profesores Serrano, Sánchez e Malo (en Fuentes Quintana, Economía y economistas españoles, Tomo V), desde unha crítica á inmoralidade da orde económica vixente e unha ecléctica posición intermedia entre o abstencionismo estatal e o colectivismo; cara á defensa do asociacionismo obreiro e ás distintas fórmulas de organización (cooperativas, caixas de aforros…) que hoxe coñecemos como «economía social». O que co tempo desembocou, politicamente, na democracia cristiá, e no ámbito da teoría económica e da man daquela, na Escola da Economía Social de Mercado.

Coinciden o 50 aniversario do pasamento de Castelao e o 125 de Brañas. Dixo o rianxeiro que o carballés fora «un home extraordinario», que fixo que fose en Galicia «onde primeiramente xurdiu un compendio doutrinal do autonomismo, para converter o sentimento en idea política». Moito lles debe a ambos a Galicia autonómica. Que por iso, merecidamente, os honra conxuntamente no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.