Opositar, non tolear

Óscar Briones Gamarra PROFESOR DA UNIVERSIDADE DE VIGO ESPECIALIZADO EN XESTIÓN E FUNCIÓN PÚBLICA E INVESTIGADOR DO OBSERVATORIO PARA A GOBERNANZA

OPINIÓN

miguel souto

22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao fío da intención do Goberno de fomentar a igualdade no acceso á xudicatura, buscando a equidade independentemente da capacidade económica de quen oposita, cabe introducir un debate máis importante sobre a evolución que han de ter os procesos selectivos no sector público.

Buscar a equidade entre os opositores é unha cuestión a abordar de maneira imperiosa, certo. De feito, é sabido que as desigualdades económicas afectan non só á xudicatura, senón a moitos outros corpos funcionariais, sobre todo cando se preparan grupos altos: gasto en academia, tempo de preparación, necesidade de estudar a tempo completo pola complexidade da oposición… Con todo, aínda compartindo estas razóns de procura de igualdade, parece idóneo momento para unha análise máis profunda. O modelo de carreira e os seus sistemas de selección, propio do Estado español e herdado á súa vez do modelo francés, parece dar síntomas claros de esgotamento e incoherencia no momento dixital actual.

O debate técnico existente nos países desenvolvidos valoriza cuestións ben diferentes ás tradicionais do uso da memorística e as capacidades cognitivas —que son importantes, ollo—, pero ás que na actualidade se engaden outro tipo de competencias, como por exemplo comunicación, asertividade, resolución de problemas, xestión de estrés, negociación, ou simplemente a vocación do servizo público no trato á cidadanía. Pero non chega co deseño de bos procesos selectivos, haberá que introducir algunha vez —en serio— a cuestión do control do desempeño, buscando a que Weber denominou como lexitimidade por resultados.

Este cambio non implica que se diminúa a seguridade xurídica, a igualdade ou a transparencia no acceso como valores asentados na cultura política do Estado. Outros Estados xa utilizan desde sempre estes sistemas selectivos sen demasiados problemas e sen necesidade de acometer os inxentes —e excluíntes economicamente— procesos selectivos que se dan en España.

A esta lóxica evolución dos procesos de selección contribuiría a chegada da intelixencia artificial. Desde hai anos, de feito, sinxelos editores de texto, ou a máis doada navegación por internet, xa permiten moverse entre a lexislación máis densa cunha velocidade e precisión inusitada, que resta importancia á necesidade de memorizar un temario inxente. A IA —cos seus clarescuros— acelerou estes procesos, e actualmente xa é máis importante saber como moverse entre leis, sentenzas ou temas técnicos que memorizar ao pé da letra. E, si, é compatible con que se comproben competencias tan elementais como que os candidatos saiban escribir ben e comunicar ideas correctamente estruturadas.

Tamén temos a maiores o reforzo de que os candidatos veñen coas súas titulacións e acreditacións previas, razoablemente controladas no sistema educativo español. De feito, nunha posible idea a integrar dalgún xeito aquí, o Estado alemán «fichaba» para o seu sector público os mellores expedientes de diversas facultades. Outro sistema garantista, simple, e controlado, ao igual que —por exemplo— computar o tempo de traballo do persoal interino como evidencia de bo desempeño para o acceso a condicións de traballo máis estables. Pero, claro, implica medir, avaliar, deseñar indicadores…

Para conseguir este cambio histórico nos modelos de emprego necesitarase certo acordo entre partidos políticos de diferente cor, sindicatos…, pero sobre todo valentía política. Complícase o asunto, certo. É unha cuestión de país, estratéxica, pero que pode xerar enormes resistencias e desgustos á política… e pouca ganancia se falamos nos «pobres» termos de «contadores de votos».