Traballar a esperanza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na mitoloxía grega é o alivio ao que se aferran os seres humanos para afrontar a desgraza. Prometeo rouba o lume aos deuses para llelo ofrecer aos homes e Zeus, o gran amo do Olimpo, castígao utilizando a Pandora, a primeira muller, á cal entrega unha cántara de barro con todas as desgrazas dentro (a fame, a enfermidade, a guerra, a maldade, a mentira), sabendo que a curiosidade acabará destapando a cántara e daquela quedarán libres todos os males que han de castigar a terra. Hai un paralelismo grande entre a figura de Pandora e a figura de Eva na cultura xudeo-cristiá.

Son as primeiras mulleres da Humanidade. Pandora moldeada de barro polos deuses e ofrecida como esposa a Epimeteo, irmán de Prometeo. Eva tirada dunha costela de Adán. As dúas, na cultura do patriarcado, portadoras da desgraza.

Tal como narra o mito, Pandora destapa a cántara que lle ofreceran os deuses e apenas nun intre o mundo todo, antes perfecto, énchese de desgrazas. Todo que había no interior da ola de barro espállase pola terra, agás unha cousa, apenas unha bolboretiña que fica no fondo da xerra axitando as súas pequenas ás: a esperanza. Asustada, Pandora acertou a cerrar a tempo a cántara para que a bolboretiña non escapase. Na cultura xudeo-cristiá a esperanza fundaméntase no pacto que Deus establece con Abraham, o patriarca, cuestión que ben merecería non unha marea, mais un ensaio demorado.

No antigo mito grego, a esperanza aínda fica no fondo da ola de barro. E aquí estamos nós, humanas criaturas, homes e mulleres, braceando e dando voces no medio da tempestade.

A psiquiatría define a esperanza coma un estado de ánimo, unha certa mirada sobre a realidade que invita ao optimismo para afrontar o futuro, persoal e colectivo. Tamén un estado da vontade. Antonio Gramsci, o filósofo italiano, dicía que contra o pesimismo da intelixencia (e hai moitas razóns para o pesimismo) cómpre traballar o optimismo da vontade: a capacidade que os seres humanos temos para mudar as cousas e melloralas, dende o estudo, dende a análise e dende a acción.

Esta marea xorde despois de ler os periódicos, despois de escoitar as novas da radio e os telexornais. Certamente hai razóns e argumentos abondo para o pesimismo, tanto nos acontecementos de proximidade como nos grandes conflitos que nestes momentos ameazan a Humanidade. Desanima a incapacidade de uns e de outros para atopar espazos de encontro, ou mesmo de simple diálogo arredor de cuestións que nos afectan e que nalgúns casos son moi graves.

A condición humana é así, polo menos unha parte: metade anxos metade espíritos escuros.

Convencido digo: non estamos a vivir os mellores tempos, mais no fondo da cántara segue a bolboretiña axitando as ás. Pensémolo así. E pensemos tamén na filosofía do mestre italiano: contra a fatalidade que tanto nos castiga, o ser humano ten armas que debe saber utilizar.