Falemos de lingua

Inma López Silva
Inma López SIlva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

24 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Temo que a preocupación do conselleiro de Cultura e do secretario xeral da Lingua polo estado do galego é sincera pero chega tarde. Quizais sexa só que esta democracia nosa na que teimamos en votar a quen nos aprende a odiarnos, simplemente nos estea mandando a súa lección. A despreocupación non é de agora: con Feijoo perdimos toda unha xeración en termos sociolingüísticos e normalizamos a elección de perigosas compañías para rabuñar unha presa de votos ultras: asociacións antigalego, discursiños snobs sobre linguas feas, falacias economicistas e, sobre todo, esquecer iso de predicar co exemplo. As persoas que deixaron a pel pola defensa do galego sempre deron solucións que puideron ser escoitadas, e non só cando se avisou de que a chamada Lei de Bilingüismo no Ensino sería letal.

 Desprezouse a expertos que sabían que había que facer cando aínda se podía facer algo.

Mais desprezar, ollo, desprezamos todos: foi un erro tradicional da esquerda galeguista politizar os usos da lingua ata o extremo de que, cando máis precisamos deixar egos de lado e obviar rancores que pouco teñen que ver co lingüístico, xa non é posíbel acoller na loita polo galego a quen non nos vota, nos critica, ou, incluso, a quen non o fala.

E así chegamos a esta sensación de fin de ciclo, vendo a cadaquén aportar ideas que beirean a utopía desde embigos que amosan o pouco que coñecemos a realidade dun pobo que nin sequera foi quen de acordar como se chama o seu país na súa propia lingua.

Quizais sexa este un síntoma evidente de que tanto a Galiza coma a Galicia soñadas bateron coa capacidade dos galegos para darmos voz, con Goberno ou sen el, a quen non é capaz de estar á altura cando máis falla fai.