As razóns do imperio

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Putin y Trump, en Buenos Aires, durante una cumbre del G20
Putin y Trump, en Buenos Aires, durante una cumbre del G20 MARCOS BRINDICCI | REUTERS

02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo está dividido en grandes áreas de negocio. Dende o principio dos tempos. Dende a mítica guerra de Troia e as Cruzadas. Dende as campañas de América e as interminables guerras en África a estes días máis recentes. Detrás de cada conflito sempre hai alguén botando contas e facendo números: no tráfico de escravos, no ouro e nos diamantes do Congo, no caucho, no sal, na prata, nas especias de Oriente… Na guerra da Ucraína tamén. A traxedia dos países árabes, coas grandes reservas de petróleo que a revolución industrial necesita dende hai máis de cen anos, explícase en gran medida polo negocio que hai detrás, por moito que o queiramos vestir de mitoloxía e conflitos de relixión.

Cando Paris rapta a Helena en Esparta comeza unha guerra que dura máis de dez anos na que participan cidades aqueas e os seus aliados: unha federación de cidades da antiga Grecia contra a que entón controlaba o comercio en Asia Menor dende o estreito de Dardanelos. O conflito foi tan feroz que deixou pegada inmortal na memoria das civilizacións, nun riquísimo ciclo de historias e lendas das que as máis coñecidas son a Ilíada e a Odisea. Mais a realidade que os historiadores e os arqueólogos logo investigaron era o comercio, o control do negocio que se movía dende as riquezas de Oriente, case que en termos moi similares ao que no seu día ocorreu na guerra do Golfo. Daquela Bush era Menelao.

O espectáculo que hai dous días ofreceu a Casa Blanca humillando o presidente de Ucraína é un novo capítulo neste discurso histórico, igual que o vídeo, non menos humillante, no que Trump e os seus amigos presentan o futuro turístico de Gaza (xigantesco negocio inmobiliario). O mundo afronta unha nova organización de poder que discuten os imperios, fundamentalmente Rusia, con saudades vellas da época dos zares, os Estados Unidos de América, que ao longo do século XX se consideraba o amo do mundo, sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial, e a China, aparentemente menos dada ao espectáculo, mais que mantén intereses moi fortemente enraizados en África, Asia e mesmo América Latina. Europa? A súa forza histórica está na cultura: o humanismo dos principios democráticos, mais as súas fraquezas son evidentes, e veñen de vello, non é menor a ausencia dun discurso común.

Temos tendencia histórica a ver o mundo dende o Mediterráneo, trazando unha liña horizontal de leste a oeste, na que o sur apenas conta. Se mudamos a ollada e contemplamos o planeta dende o Ártico, por exemplo, veremos como a discusión do reparto entre os grandes é máis evidente: Groenlandia, Canadá, Alaska, Siberia, sen contar as previsibles prospeccións no propio casquete polar. Todo a un tiro de pedra. As chamadas terras raras de Ucraína, e outras que poidan vir, non son máis ca unha parte do negocio. Sospeito que se mañá Donald Trump decide entrar en Goenlandia, Europa pouco vai dicir, e tampouco Dinamarca, fóra da retórica do caso. Igual que se China decide mover a ficha de Taiwán. A ver a quen lle toca facer de Homero.