
«Fomos demasiado lonxe na loita polos dereitos da infancia». «Pasástesvos co da atención ás persoas con ELA». «Síntome discriminada polas familias numerosas». «Chegamos demasiado lonxe con iso de aprenderlle tantas matemáticas á rapazada».
Se todas estas afirmacións nos parecen barbaridades, por que aceptamos que o 46 % dos españois consideren que se foi demasiado lonxe en dar ás mulleres os mesmos dereitos ca aos homes? Así o constata unha enquisa publicada con motivo do 8M, a mesma que, curiosamente, sinala que o 75 % da poboación se considera feminista.
Eh? Como é posíbel que, nunha inmensa maioría feminista, case a metade entenda que nos excedemos co feminismo? Está claro: os españois non saben o que é o feminismo. É incompatíbel ser feminista (entender a necesidade da plena igualdade entre homes e mulleres) con crer que se chega demasiado lonxe na procura desa igualdade que, obviamente, e segundo se recoñece na enquisa, está lonxe de ser lograda. Temos que entender, entón, que esa morea de homes que se consideran discriminados son o mesmo 58 % que cren que os coidados familiares son cousa nosa? Ou o 14 % que cren que un home que queda na casa é «menos home»?
Está claro que algo estamos facendo mal se non logramos que a xente entenda que isto vai de igualdade e non de guerra de sexos. Pode que nos deixásemos enganar. Claudicamos ata o punto de non lograr manter aquelas folgas que paraban o país; incapaces de reorganizarnos, seguimos sen asumir que casamos cos que nos usan e parimos os fillos que se senten discriminados. Nada novo; nada que non dixesen as sufraxistas, ou as que queimaban suxeitadores, ou Beauvoir, ou Queizán.