
Opasado sábado 8 de marzo celebrouse o Día da Muller. Non foi unha conmemoración tan lúdica, divertida e festiva como noutras ocasións. A esquerda non estaba para bromas. Non figuraban á fronte das manifestacións algúns altos cargos de Podemos, como hai tempo. Eran os paladíns da defensa da muller, dos dereitos da muller, de todo o que tivese relación coa muller. Tampouco escoitamos repetir a frase que hai anos pronunciou José Luis ábalos. O 6 de marzo de 2020, a dous días da celebración, o PSOE publicou un vídeo nas súas redes sociais no que Ábalos significaba o motivo polo que el era feminista. Un feminista convencido, sen dúbida. Dicía, literalmente: «El feminismo está en el ADN del socialismo». Afirmaba tal sentenza sen ningún tipo de pudor, orgulloso de si mesmo e das siglas que representaba e agora xa non representa. Unha mágoa. Imaxino que o feminismo tamén está no ADN de Podemos e compañía, que ocultaron os casos de acoso de Íñigo Errejón, investigado pola Xustiza, ou Juan Carlos Monedero, investigado pola universidade onde imparte docencia. O feminismo seguro que tamén reside no ADN daqueles que aínda non se desculparon polo trato que lle outorgaron hai escasas semanas á conselleira Fabiola García, á que ridiculizaban cun panfleto digno do machismo máis rancio: partía da suposta superioridade moral que cren posuír algunhas persoas que militan na esquerda. Resulta que levan décadas dando leccións urbi et orbi. Porén, as leccións que imparten só valen para os demais. Rara vez son aplicadas en todo o seu rigor con eles mesmos. As dúas varas de medir que nos fustigan. As dúas varas que castigan a uns e consenten a outros. Que cínicas leccións!