A disuasión das armas

OPINIÓN

Press service of the 65th Mechanized Brigade HANDOUT | EFE

13 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta incerteza internacional, normalizouse tanto o discurso bélico que os gobernos do mundo xa non agardan nin a discutir nos seus parlamentos a suba do gasto militar e a dotación dunha maior capacidade de defensa. As sociedades, acostumadas á idea de que a paz se acada a través do temor, están a xerar individuos desconfiados, polarizados e amigos de aceptar calquera restrición de dereitos en nome da seguridade nacional. Mesmo non lles importa que iso poida supor un maior control social, nin que se erosionen as liberdades individuais, nin que todo isto beneficie a uns poucos a conta do benestar xeral. Nada. Hai que armarse. De nada vale desafiar a lóxica da guerra. Ter armas seica é o mellor xeito de previr conflitos, e non queda outra, algo que lembra á infancia, cando, máis influenciados polo cine que pola realidade, as nosas guerras se limitaban ás de indios e vaqueiros. Todos eramos expertos en facer tirapedras ou uns arcos con frechas rematadas nunha chapa esmagada de cervexa que era unha ameaza certa para o corpo. E pelexabamos en igualdade de condicións, aínda que os indios sempre tiñan as de perder porque non eran moitos e, tal como nos indicaban nas películas que viamos os domingos no cine Maricel, estaban destinados á desaparición. Mais houbo un punto de inflexión nestes xogos perigosos cando algúns padriños deron en agasallar escopetas de balotes e as guerras deixaron de ser a campo aberto para pasar ao terreo da disuasión. O simple feito de as ter xa che daba unha seguridade, sobre todo, diante dos que aínda pelexaban con frechas e pedras. Aínda así, o único do que me gabo é de que a miña primeira escopeta se puxo no bando deses indios polos que sentía, e sigo a sentir, unha debilidade que ten moito que ver coa dos perdedores.