
Pregúntome moitas veces por que os médicos de atención primaria non prescriben lectura. Nun mundo medicamentalizado onde as farmacéuticas son as que marcan o ritmo do que se prescribe ou non, non estaría mal que o Sergas lle dese algún espazo ás bibliotecas, o libro e á lectura. Sei que a proposta pode parecer ousada, pero afirmo que a lectura debería prescribirse, a todas as idades, pero sobre todo a partir dos 50 anos, como un dos «exercicios» necesarios a facer para evitar o deterioro cognitivo. Hai ducias de estudos que amosan a relación entre a lectura e a menor incidencia de enfermidades tipo alzhéimer. Hai ducias de estudos que demostran os beneficios obxectivos para a poboación xeral, pero en especial no camiño da prevención dese tipo de doenzas, da lectura, dos libros, do traballo coa palabra (e a música, xa que estamos). E todos entendemos que as e os médicos fan moi ben recomendándolle ás persoas maiores que fagan exercicio, que saian de casa, que eviten a vida sedentaria, que camiñen non sei cantos miles de pasos ao día. Pero non sei que entre as rutinas de prevención, na procura dun envellecemento o máis san posible, se teña a lectura como unha prioridade. E reto a calquera profesional da saúde a que me diga que non levo razón nos beneficios do que estou propoñendo.
Entendemos que o estado ten que elaborar protocolos de recomendacións para que, cando chegamos a certa idade e as neuronas poden comezar patinar, o noso deterioro se ralentice ou non chegue. Pois aí a lectura debería estar dentro do sistema nacional de saúde. Aínda non vin ministra ou ministro de Sanidade dicindo que van facer algo neste respecto. E xa están tardando.
Se o Sergas entendese a verdade do que estou a dicir xa estarían establecendo algunha clase de convenio coa Rede de Bibliotecas de Galicia, por exemplo, para elaborar algunha clase de campaña tendente a que os libros e a lectura formasen parte do que entendemos como «hábitos saudables». Comprendemos que nos recomenden non fumar, ou drogarnos, e pasear, e facer exercicio, e ver pouca tele. Agora estamos esperando a que ademais, dun xeito normal, cotián, como parte dos protocolos para facernos vellos nas mellores condicións posibles, o médico ou a doutora nos digan, «Francisco, ten que ler polo menos dous libros á semana. É bo para a súa saúde. Pode axudar a evitar moitos problemas no futuro».
Igual isto que estou a dicir é simplemente ciencia ficción.