
Será cuestión de xenética o da lonxevidade galega, ou tamén do clima e dunha dieta na que van incluídos o caldo e mais o polbo á feira? Quen o sabe?
Para algúns non pode ser cousa do humor, característica que seica nos é negada, por moito que sexamos campións mundiais da retranca. O certo é que dispomos dun exército centenario que aí está, coma quen non quere a cousa, á cabeza da inmortalidade en España. Todo un exemplo. A miña avoa materna tamén pertencía a unha tradición lonxeva e estivo a piques de chegar ao século, o mesmo que fixeron varios dos seus oito irmáns, que se gababan de que só unha irmá baixara dos noventa anos e dicían que lles morrera de nova, coma se ela mesma fixese algo mal ou a aparición do cancro fose culpa súa.
Se cadra, a ciencia rematará por asegurar que esa lonxevidade da poboación galega, máis ca no azar xenético, estea na alimentación e, sobre todo, no estilo de vida e en non ter présa por chegar a ningures antes de tempo.
Máis dunha vez escoiteille dicir a un vello coñecido que o segredo de se conservar tan mozo non era outro ca o de ir aos parques e regalarlles anos aos nenos.
Velaí unha filosofía espontánea, coma a daquela señora de Noia á que, xa camiño dos cen, moitos lle teimaban a xeito de broma en que había que ir indo, ao que ela sempre respondía que si, que uns van indo e outros, coma ela, van quedando.
Teño para min que, nun futuro non moi afastado, os avances da medicina e das tecnoloxías farán que a xente viva moito máis alá dos cen anos, e non dubido que se poderán mudar os órganos coa mesma facilidade coa que se implanta unha peza dental, pero do que estou certo é que esa escolla diferencial xa non a fará a sorte dunha boa xenética nin dunha boa alimentación, senón o volume de cartos que cadaquén teña na súa conta bancaria.