O pacto pola industria limpa

M.ª Dolores Riveiro García / Luis Varela Cabo VOCAL E PRESIDENTE DO FORO FIEITO, RESPECTIVAMENTE

OPINIÓN

MARCOS CREO

20 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pacto por unha industria limpa (Clean Industrial Deal) que vén de publicar a Comisión Europea reforza o noso compromiso coa transición industrial «verde» ao «converter a descarbonización nun motor de crecemento para as industrias europeas» e ao definir un «programa marco de actuación» para unha industria que debe ser apoiada. As liñas mestras da nova estratexia industrial europea son: a dispoñibilidade de enerxía verde e barata, o desenvolvemento de cadeas de produción en sectores estratéxicos, a circularidade produtiva, a descarbonización, e o desenvolvemento de alianzas nacionais e internacionais para acometer proxectos coa entidade requirida para seren competitivos.

Este programa implica os diferentes niveis de decisión dos Estados. En Galicia, esta nova peza normativa está aliñada con outras normas que definirán o seu desenvolvemento industrial, incluída a Lei de Industria e Autonomía Estratéxica, actualmente en tramitación no Congreso, e a Lei de Recursos Naturais, recentemente aprobada no Parlamento galego. Agora, dispoñer dun modelo enerxético descarbonizado e eficiente, reter as partes críticas das cadeas de produción de sectores estratéxicos e o retorno social dos proxectos pasan a ser obxectivos a alcanzar conxuntamente, ou de xeito prioritario, aos tradicionais obxectivos de crecemento económico ou de creación de emprego, porque, en boa medida, condicionan o logro destes últimos no longo prazo.

A reindustrialización convoca sectores produtivos estratéxicos aos que Galicia ten moito que aportar. En primeiro lugar, a nosa dotación de recursos naturais é particularmente vantaxosa no novo escenario, comezando pola dispoñibilidade de enerxía limpa e das condicións para a súa almacenaxe e distribución. Para aproveitar esta vantaxe é preciso que se favoreza que os centros de consumo enerxético estean preto dos de produción; algo lóxico dende o punto de vista da eficiencia, pero non sempre a opción normativa. En segundo lugar, o noso tecido industrial pode adaptarse rapidamente a producir materias primas, equipamentos e ensamblaxe de sistemas de produción de enerxía renovable, especialmente eólica terrestre e mariña, sector deslocalizado que podería rexurdir con forza baixo o paraugas da nova autonomía estratéxica. En terceiro lugar, parece chegado o momento das eurorrexións e, polo tanto, de poñer en valor a rexión industrial transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal, que foi emerxendo e desenvolvéndose nas últimas décadas ata chegar a ser un referente de simbiose industrial do tipo que a Comisión Europea quere fomentar.

Este pacto industrial europeo, que nace facendo da necesidade virtude, aínda ten que tomar forma nos distintos niveis normativos e económicos. Certo que Europa aborda a súa reindustrialización ao son da fin de era que decreta en directo Trump desde o despacho oval, pero a convicción semella definitiva e a vontade, agora si, firme. No camiño cara ese novo horizonte industrial europeo, Galicia ten moito que aportar e que gañar.