A tensión

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ANGEL MANSO

20 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que foi onte, pero xa pasaron cinco anos. A pandemia cambiounos. Pero non creo que a especie humana mellorase coa lección. Seguen sendo igual de malos os que eran malos. Os bos, por fortuna, permanecen. Os amigos, por exemplo. Nas últimas semanas esquecinme da miña cuadrilla e non mo perdoan. Chego ao Fidel's calquera xoves e xa me miran de esguello. O Bernardo, a pesar de estar de acordo coas ideas que expreso, pon cara de mal humor. O Mariló díxome, exactamente: «Agora só escribes tonterías». O Tavito, para quitar ferro á conversa, comezou a parolar do asunto máis común nos últimos anos: a saúde. Antes falabamos doutras cousas. Agora non é posible. Un día entra o Juan Ramón cunha muleta; outro, o Javi tusindo; algunha vez, eu nin sequera me queixo vendo o panorama. O caso é que non hai día que non reflexionemos sobre as doenzas. Todos, agás o Mariló, que di que ten unha forza capaz de derrubar un castiñeiro dun puñazo. Está en forma. Asegura que boa parte da súa enerxía débella ás descargas eléctricas (como saben, é electricista) ao longo da súa vida. O martes estaba vigoroso, amable, por iso permitiu que o Tavito sacase o asunto da tensión arterial. O Juan Ramón, baixa. Eu, altísima. O Bernardo, no punto. Falamos de mínima e máxima. De máxima e mínima. Hipertensos e hipotensos. Para consolarme nas miñas aflicións arteriais comentoume que non me preocupase demasiado. Un día, no seu comercio, un home contoulle que acababa de saír de urxencias: problemas de tensión. «Véxoche boa cara», dixo o Tavito. O señor apoiouse no mostrador. Respondeu: «Como vou ter boa cara! Miráronme a tensión e a mínima está por riba da máxima!». Non se consola o que non quere.