
Entre os moitos subprodutos literarios emerxidos do confinamento pandémico, un dos máis útiles e divertido, á vez que serio, é Fake News (2022), de Daniel Gascón. No pé dunha das viñetas que garabateou aqueles días di: «Es un tema complejo en el que intervienen muchos factores y, bueno, que lo que diga el Gobierno». Esta semana, a Mesa do Congreso pareceu querer confirmar que, como sinala o propio Gascón no seu prólogo, ao final «toda sátira es profecía y toda parodia es eufemismo». O incidente máis salientable e expresivo disto último foi ese que motivou o momento «eu son Espartaco» da bancada popular, do que deron conta La Voz e toda a prensa.
Resulta que o Senado, que como é ben sabido é a Cámara de segunda lectura das leis, introduciu diversas emendas a un proxecto aprobado previamente polo Congreso, a Lei de prevención de perdas e desperdicio alimentario. Cando isto ocorre, os cambios aprobados polo Senado volven ao Congreso, que ten a última palabra pronunciándose sobre eles. Se os aproba incorpóranse á lei, pero se a maioría os rexeitan quedan definitivamente excluídos do texto. De feito, moitos dos cambios foron rexeitados pola maioría, pero outros moitos foron convalidados, entre os que salienta o relativo ao réxime de protección do lobo (celebrado por todos os gobernos autonómicos ao norte do Douro, sen excepcións ideolóxicas).
O problema xurdiu porque, por vez primeira na nosa democracia, o Goberno vetou catro artigos aprobados polo Senado (e que polo tanto xa formaban parte do texto lexislativo, non se trataba de novas emendas), e a maioría formada polo PSOE e Sumar da Mesa do Congreso decidiron, coa opinión en contra do letrado maior que eles nomearon, excluír da votación os mencionados artigos. Só un deles fora orixinariamente proposto polo PP, e reducía o IVE dos produtos alimenticios básicos para aliviar o custe da cesta da compra. Os outros foran orixinariamente formulados polos grupos cataláns e estaban relacionados cunhas axudas ao sector primario.
Dadas as dúbidas xeradas pola exclusión deses catro artigos pola Mesa, como dicía mesmo cuestionada polo letrado, varios grupos (PP, ERC e Junts) solicitaron adiar a votación da lei ata aclarar a capacidade do Goberno de vetar un texto aprobado polo Senado, e a da Mesa de facerlle caso impedindo ao Pleno do Congreso pronunciarse sobre os cambios introducidos na Cámara Alta. O regulamento (art. 68.2) amparaba a petición: permite alterar a orde do día, retirando un punto a tratar (neste caso a votación das emendas aprobadas polo Senado á Lei de prevención de perdas e desperdicio alimentario), sometendo dita alteración a votación, que se realizará en todo caso cando o soliciten máis dun quinto dos deputados ou dous grupos parlamentarios, requisitos que se cumprían amplamente.
O presidente en funcións, escoitadas as peticións, decidiu non votar a alteración da orde do día solicitada por tres grupos que representaban moito máis dun quinto dos deputados. Deu só un argumento: «O presidente é quen interpreta o regulamento». O que o Goberno diga… Lembroume de novo a Gascón, noutro dos seus garabatos. Un home dille a outro: «Sé que no te gustan mis explicaciones, pero al menos tú no pasas la vergüenza de tener que darlas».