
Estaba vendo a segunda tempada da serie británica Wolf Hall, baseada nas novelas de Hilary Mantel sobre a vida de Thomas Cromwell, o que fora a man dereita (secretario, ministro) do rei Enrique VIII. E non paraba de matinar sobre os equivalentes deses personaxes do século XVI na realidade actual. Mentres avanzaba a serie pensaba no actual presidente dos EE.UU. e na súa relación cos seus propios conselleiros, con outros países, coas súas mulleres, consigo mesmo, co poder. Tanto pensei niso que anotei o tema na miña lista de «ideas para columnas». Pero hoxe, lendo sobre os dous «soberanos», decateime da miña soberana ignorancia, pois hai anos que os medios falan dese curioso paralelismo (coma no documental do 2020 Henry VIII & Trump: History Repeating?), e aquel que fora a man dereita de Donald Trump no seu primeiro mandato, Steve Bannon, dixera «eu son Thomas Cromwell na corte dos Tudor». Entón, logo de aprender iso, quedei atascada na grande diferenza entre os dous: un foi un rei que herdou un trono, o outro é un presidente escollido a través dun proceso democrático.
Levamos centos (miles) de anos navegando a medio camiño entre a utopía e a distopía, dando un paso cara adiante con respecto aos dereitos humanos e dous cara atrás; loitando pola paz e creando a guerra, fomentando a igualdade e aumentando a desigualdade, loitando pola democracia e... Ás veces semella que como sociedade non somos capaces de avanzar sen dispararnos a nós mesmos no pé, sen autodestruírnos. E esa é a realidade que afrontamos hoxe, mentres os que mandan nos aconsellan preparar kits de supervivencia para sobrevivir ao posible dano que nos podamos facer nós a nós mesmos...