
Xa dende os filósofos gregos se dicía que a forza máis poderosa era o amor. Era así para Demócrito de Abdera, para Platón e para moitos outros. E gústanos pensar que é así. Que o amor move montañas e derruba muros. Vimos ducias de películas así. Milleiros de cancións para magnificar o amor como a pedra angular da vida. Pero non é certo. Porque a forza máis forte, se me permiten a redundancia, que hai no mundo, é o medo. Por medo facemos unha chea de cousas. Por medo, deixamos de facer moitas máis. O medo dicimos que nos paraliza. Ou que nos fai perder a razón. O medo é moito máis poderoso que o amor.
Pensemos naqueles tempos da pandemia. Angustiados polo medo a morrer aceptamos que o Exército patrullase polas rúas. Hai poucas imaxes que metan máis medo que un carro do Exército parado, como tiña eu un diante da casa, controlando á xente. Naqueles días aceptamos unha morea de restricións sen opoñer resistencia porque o medo, que vai directa dende a nosa amígdala á totalidade do sistema nervioso, así nolo ordeaba.
Hoxe, o medo volve ser axitado por quen saca beneficios da súa existencia. Os políticos fálannos de que nos fagamos con kits de supervivencia para 72 horas, «por se pasa algo». No Parlamento fanse eternos debates arredor da política de seguridade europea, anúncianse millóns e millóns e millóns de euros para gastar en mercar máis armamento. Veña máis tanques, veña máis mísiles, veña máis lume. As principais autoridades falan, e repiten e amplifican, que hai que facer un exército europeo. Incluso mirei, nas redes, un informe sobre como afectaría unha bomba atómica que caese sobre Madrid.
Como non ir correndo ao supermercado para facer acopio de latas de conserva, papel hixiénico e todo iso, se me están a dicir que vai haber un conflito global aínda que non saibamos moi ben por que? Xa o dixo Trump naquela xuntanza sucia que tivo con Zelenski: estás xogando coa Terceira Guerra Mundial. Esperemos que ese gran conflito bélico non chegue (entre outras cousas, non teño claro que por que, ou sexa, o dos nazis e tal estaba claro, pero… agora por que?) mais o que si teño claro que chegou é o medo, axitado a conciencia polos que nos mandan e que saben, que así, está garantida a obediencia. A ecuación é sinxela: se a xente ten medo, a xente obedece. E cando a xente obedece, está calada e se deixa facer. Haxa gran conflito bélico ou non, esta guerra xa a gañaron.