As cereixas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

CARLOS CORTÉS

10 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As cerdeiras xa están en flor. O Paco Mariló, no tempo das cereixas (de mediados de maio a xuño) excítase. De mozo tiña fama por acudir ás árbores, subir por elas, e papar as cereixas máis gorentosas. Ese costume aínda o segue tendo. O que pasa é que agora xa non agatuña. Colle as que pode. A cerdeira da miña casa, a mediados de xuño, xa está pelada. Eu non son de cereixas. Por iso me estraña que a froita desapareza en pouco tempo. Eu descargo toda culpabilidade no Paco Mariló. As cereixas seguen a ser a súa obsesión. Aínda que non rexeita outro tipo de froitas. Iso si: collidas directamente das árbores. Esa é unha condición imprescindible. Porque na casa non proba a froita. O del, por chamalo dalgún xeito, é o furtivismo. O Bernardo asegura que esta teima provén da súa infancia. En Queirugás había unha cerdeira fermosa. Din que daba as cereixas máis robustas e carnosas da montaña, mesmo as mellores cereixas de toda a comarca de Monterrei. Era propiedade do cura. O Mariló aproveitaba as misas para rubir por ela. Ata que un día, en plena homilía, o cura saíu do templo. «Collinte, Paco, xa imaxinaba que eras ti, ven aquí inmediatamente!». Foi. Agachou a cabeza. Pero iso non evitou a labazada do párroco. Porén, ben sabemos que as labazadas rara vez axudan. Porque aquel sopapo en vez de corrixir ao Mariló, reivindicouno no seu furtivismo. As cereixas son a súa obsesión, reitero. Onte mesmo, no Gandainas, preguntoume: «Caneiriño, sabes que lle dixo unha cereixa a un mono». Eu calei, non sabía que contestar. Púxose a rir a gargalladas. Tocou a miña cara coa palma da man dúas veces, con cariño. Volveu falar: «Non lle din nada, parvo… as cereixas non saben falar».