
Hoxe é día importante para o cristianismo. Lembramos a institución da Eucaristía na Última Cea, o lavatorio dos pés e a oración no horto de Getsemaní. Non é un día calquera. En todos os recantos do país, en maior ou menor medida, a Semana Santa celébrase con devoción. Os tempos converteron estas datas nun período vacacional. Así o enfocan os noticiarios públicos de Madrid, os que pagamos todos os cidadáns. Resulta curioso que se sinta tanto respecto por outras relixións, pola inclusión, pola conservación dos seus ritos, e se teña tan pouco afecto pola relixión que profesan dúas terceiras partes da poboación española. Non consigo entendelo. Como tampouco entendo ese empeño laicista que parece dominar a política, toda a política. Aquí non escoitarás a ningún gobernante, perante unha traxedia, pedir oración. Non sucede noutros países, sexan católicos ou protestantes, musulmáns ou budistas. A oración está presente nas nosas vidas dende que nacemos. Quizá algúns pensen que non serve de nada. Engánanse. Porque a oración conforta. As persoas non son mellores ou peores en función dos seus credos, certo. Tampouco o son por declararse ateos ou agnósticos fronte aos que nos declaramos católicos. Vivimos un mundo áspero. Por veces cruel e insensato e lacerante. Porén a esperanza existe. E existe en todos os lugares, mesmo nos menos afortunados da terra. Por iso este Xoves Santo debemos recrearnos na esperanza. Envolvernos con esa palabra que tanto significa. Se caes, has de levantarte. Se as nubes non deixan de chover, o sol ha de saír. Se a noite perdura, amanecerá. Así foi e será polos séculos dos séculos. Oxalá o gozo e a esperanza reinen nos nosos corazóns. Amén.