Galego e ensino público: a auga e o aceite
OPINIÓN

Desde que as alarmas do idioma se reacenderon, non paramos de asistir a cruces de acusacións en que uns e outros se culpan da situación, mais, que eu saiba, aínda non se ouviu ningunha explicación sobre as causas da mesma, isto é, sobre a razón pola cal o galego é abandonado polos máis novos ou sobre o tipo de responsabilidade que o ensino público ten nesta tendencia.
Comecemos por esclarecer que problemas nunca faltaron, pero a grande dificultade da actualidade vén do feito de o galego ter deixado de ser a lingua maioritaria dos nenos na esmagadora maioría das escolas, o seu principal ámbito de socialización nos días de hoxe. Neste contexto, mesmo que unha familia transmita o galego aos seus fillos, estes acostuman abandonalo ao sentir que é minoritario entre os seus iguais.
Pero aínda hai algo que torna mais duro o desafío: a impotencia de admitir que, relativamente ao ensino público, o problema non ten solución, por mais categóricas que sexan certas declaracións xeradas nun contexto de choque entre partidos. Cando o español se torna maioritario nunha escola, desa situación xa non se volve. É só unha cuestión de tempo que o uso do galego pase a desaparecer completamente ou a ser meramente residual. Por que? Porque por moito que a docencia dun centro se galeguize, para os cativos non hai nada menos influente que o idioma institucional ou profesoral. A lingua realmente importante é a do grupo de amigos, que será a que reproduzan sen practicamente excepcións.
Unha solución, vinculada a pedagoxías moi avanzadas e ensaiada con éxito noutros lugares de Europa, podería vir de iniciativas á marxe do ensino público, como as que xa aterraron aquí nalgunhas cidades co nome de Sementes. Neste tipo de centros son as propias familias galego-falantes as que se xuntan, de maneira que o galego se mantén porque chega á escola como lingua maioritaria dos nenos. Do apoio social que cheguen a concitar estas cooperativas vai depender o feito de conseguirmos ouvir galego na boca de algúns meniños urbanos nas próximas décadas.