O día tres de maio San Clodio de Leiro celebra a festa da Divina Reliquia, é dicir, a festa da Santa Cruz, da que no templo monacal, hoxe parroquial, consérvase a máis prezada das reliquias: estelas da cruz do Noso Señor. Ben gardada, como xoia preciosa, nun relicario en forma de custodia de prata e ouro con forma de cruz de Caravaca, exponse para a súa veneración no altar da capela que leva o nome da Divina Reliquia e que está na ábsida da nave lateral esquerda. No día da festa os fregueses devotos sácana en procesión baixo palio polas rúas da parroquia, como si do Santísimo Sacramento se tratara e, na praza do pobo, nun altarciño preparado a beira do cruceiro, de xeonllos, veneran a Santa Cruz e, logo, bendícense os campos, pedíndolle ó Señor que retire as xeadas e tronos, que tanto mal poden facer nas viñas e nos renovos a estas alturas do ano.
No século XVII o padre Yepes, historiador da orden beneditina, recórdanos que a confraría da Divina Reliquia gozaba de indulxencias, concedidas nunha bula especial polo Papa, Paulo V. Tamén é o padre Yepes quen nos fala de que foi un santo bispo quen trouxo a reliquia da Santa Cruz de Xerusalén, aventurando como tempo propicio o século XII, pola contemporaneidade das Cruzadas. A parroquia de San Clodio celebra con agradecemento e devoción a presenza da Cruz do Señor, fonte de Vida, que, polo baño do bautismo, chega a todos nós. Á fin da celebración, bendícese a auga ca Santa Reliquia e lévana para as casas con fe e devoción.