«O libro dá unha visión distinta de figuras dos contos clásicos»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

13 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O cantautor valdeorrés Anxo Rei (Rubiá, 1957) acaba de dar un xiro á súa carreira coa publicación de O año pitaño, un libro disco dirixido aos escolares nunha fórmula que busca achegarlles a poesía de varios autores galegos e que conta cunha parte de karaoke para que os lectores se convertan en actores.

-¿Como xurdiu este proxecto?

-Vén que chegou a min o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez e atopei O año pitaño. Pensei que sería un acerto facer un disco para cativos. E foron xurdindo o resto dos poetas, de Darío Xohán Cabana, Yolanda Castaño ou Xosé Rodríguez Ferrer, que é de Vilamartín, e que eu descubrín nun libreto que me pasaron con poemas infantís.

-¿Que atopa o lector-ouvinte?

-É un libro que axuda a debuxar unha visión distinta dalgunhas figuras tradicionais, non só de contos clásicos, como a cincenta, senón tamén personaxes moi nosos, como pode ser o home do saco, que durante moitas xeracións estivo sempre presente como elemento autóctono no desenvolvemento dos pícaros. Probablemente hoxe non sexa tan coñecido, no medio de tantas alegorías importadas, pero penso que non está mal lembrarmos eses seres imaxinarios que poboaban as nosas infancias e legarllos, entre outras formas de cultura que transmitimos, ou deberíamos transmitir, aos meniños que serán os galegos e galegas do futuro.

-Acompáñano músicos de renome...

-Si, está Jorge Ojea, que toca con Luz Casal; e foi el o que me fixo chegar aos musicazos que teño no disco.

-Acabado este proxecto, ¿anda en algo agora?

-Levo un ano coa zanfona, tocándoa e compoñendo con ela. E non descarto facer un disco incluíndo máis pezas, porque neste vai unha peza con zanfona.

-Tamén colabora no primeiro disco do grupo Son do Sil, ¿non?

-Levan unha canción miña, Casou don godello, do poema de Florencio Delgado Gurriarán: e eu colaboro cantando.

-Como ve que canten un tema dun?

-Sentes un certo orgullo, sentes que o teu traballo é valorado. Si que é fermoso.