«Gaivotas subterráneas» participou na Mostra de Teatro de Ribadavia
27 jul 2013 . Actualizado a las 21:36 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia pecha esta madrugada a súa edición 2013. A compañía T de Teatre é a encargada da derradeira representación da MIT 2013 e Gaivotas subterráneas, espectáculo de RTA, Talia Teatro e Voz Audiovisual pasou polo auditorio do castelo na noite do venres.
Xabier Deive e Luís Iglesia, dous dos protagonistas da coñecida serie Matalobos, da Televisión de Galicia, protagonizaron unha posta en escea que trouxo ao castelo de Ribadavia unha montaxe chea de intrigas, suspense e diñeiro fácil. Unha historia que, con eses elementos, podería protagonizar moitos dos titulares informativos dos últimos tempos.
Dous amigos, que retoman unha relación de hai anos, e un seguro de vida foron os elementos que Alfonso Vallejo enguedellou no texto orixinal, dirixido por Artur Trillo nesta produción, para manter a atención do espectador e o suspense.
Gaivotas subterráneas conta a historia de dous personaxes: Nino, traballador dunha empresa de seguros, e Mario, músico e vello amigo da infancia do primeiro. Dúas actitudes e personalidades opostas, a dun home tranquilo e a dun buscavidas sen escrúpulos, que se relacionan para un plan macabro: cobrar o diñeiro do seguro finxindo un accidente mortal. Ao longo da representación o espectador do castelo foi asistindo a como mudaban as relacións entre os protagonistas e como, con cada novo elemento da historia, se mantiña a tensión, o suspense e a intriga. Ata o desenlace final.
Gaivotas subterráneas estreouse en xaneiro en A Coruña.