Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Alberto Fidalgo: «Non estou de acordo con este acoso e derribo a todo o feito»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

«A vida é demasiado ampla como para simplificala en catro eslógans»

18 ene 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

Alberto Fidalgo Francisco (Monterrei, 1958) coñece ben a realidade sanitaria. A súa longa traxectoria profesional levouno a exercer en distintas áreas. Foi médico de primaria no rural; inspector médico do Insalud -cando a sanidade aínda non fora transferida ás comunidades autónomas-; coordinador do servizo de admisión do hospital, médico de Urxencias do CHOU e, tamén no mesmo centro e ata hoxe, de Documentación Clínica. Ademais, na súa faceta como deputado polo PSOE no Congreso (2000-2011), foi poñente -entre outras, e no que atinxe a este sector- das leis de autonomía do paciente, reprodución asistida, investigación biomédica ou prevención do tabaquismo. E formou parte dos grupos de traballo para a Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias, Lei do Estatuto Marco, Lei de Saúde Pública, Lei de Dependencia e Lei de Igualdade.

-¿Hai algunha etapa que destacaría desa vida profesional?

-Eu considérome un privilexiado. Vivín unha etapa transcendental, na que cambiaron moitas cousas dende tódolos niveis. Cando me encargaron montar o servizo de Admisión e Documentación Clínica do hospital, acabábase de aprobar a Lei de Sanidade do 86, que incorporou o dereito á asistencia sanitaria a seis millóns de persoas; e pouco despois o decreto de organización e xestión dos hospitais que transformou o funcionamento e no que se contempla a garantía de acceso universal ós pacientes. Ese servizo de admisión e documentación era a ferramenta que facía posible esa equidade. Fora moi revolucionario porque as camas, os recursos, xa non eran dos xefes de servizo nin das parcelas de poder, senón propiedade dos cidadáns.

-¿Vivir eses cambios aporta perspectiva á realidade actual?

-Eu o que me sinto é partícipe dunha xeración que cambiou o país, porque eu cumprín a maioría de idade para votar a constitución do 78. Non fai falla lembrar, porque todo o mundo o sabe, o que era naquel momento o país, tanto dende o punto de vista de bens materiais, como de dereitos e, por suposto, tamén a sanidade. En trinta e poucos anos pasamos a un país absolutamente homologable en dereitos e cun desenrolo social e económico que, máis alá das circunstancias de crise, sitúanos entre a cabeza dos dez ou quince mellores países do mundo a tódolos niveis, e nalgún caso como punteiros, como nos transplantes na sanidade ou en investigación, por exemplo. Esa é a realidade da miña xeración, que viviu por exemplo coa tensión do terrorismo de ETA, algo do que xa case ninguén se acorda. ¡Que corta é a memoria! Eu non estou de acordo con este acoso e derribo a todo o feito, porque se fixo moito e ben, co esforzo e os impostos de todos; e penso que é algo que debemos reivindicar como país.

-¿Por que hai esa tendencia?

-Hai que contextualizar. Estamos nun momento moi complexo para os cidadáns, que é a crise, no que os valores económicos teñen unha importancia altísima. Pero tamén é certo que quizais un dos defectos destes anos é que fixemos moi pouca pedagoxía e abandonouse moito a cultura, entendendo como tal o coñecemento profundo de todo o que rodea ó ser humano: o humanismo, que para min é clave. Agora estamos no momento da simplificación; de dar respostas inmediatas a situacións complexas. E se imos por ese camiño, equivocámonos. A vida é demasiado ampla e complexa como para simplificala en catro eslóganes.

-¿Hai moita diferenza entre as expectativas laborais dos médicos de entón e os de agora?

-A situación actual de paro é grave, moi grave; pero cando levas tanto tempo, ves que os datos a relativizan. Da miña promoción, só de Santiago, saímos 1.800. Esas foron as mesmas prazas que se convocaron aquel ano para toda España de MIR, o cal da idea de que tamén daquela tiñas que buscarte moito a vida, e empezabas facendo substitucións. O meu primeiro contrato de nove meses foi no ano 85, catro despois de rematar a carreira, en Viana do Bolo.

Alberto Fidalgo presidente da comisión deontolóxica do colexio de médicos