As historias do detective Frank Soutelo terán edición en inglés

OURENSE

Fernández nun encontro no IES Laxeiro sobre a súa novela «Bícame, Frank!»<span lang= es-es > </span>
Fernández nun encontro no IES Laxeiro sobre a súa novela «Bícame, Frank!» . miguel souto< / span>

Kathleen March, recente premio da Cultura Galega, foi a encargada de traducir «Un nicho para Marilyn»

27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dun mes, o pasado 21 de decembro, a Xunta entregaba os Premios da Cultura Galega. Entre os galardoados figuraba Kathleen March (Rochester, 1949), que foi distinguida na súa condición de pioneira na investigación da cultura galega en Estados Unidos. A ata hai pouco catedrática de linguas modernas na universidade de Maine sinalou: «Ninguén espalla unha cultura que non teña forza nin mereza ser espallada».

Autora de traballos sobre a obra de Rosalía de Castro ou de Cunqueiro, tradutora deste último ou de Claudio Rodríguez Fer, March colgaba onte no seu perfil nas redes sociais unha mensaxe: «Frank Soutelo e máis eu precisamos dunha separación, malia ter sido el boa compaña ao longo dun ano. Bicos, Frank, e que o inglés che sexa lixeiro no novo nicho...». A filóloga e hispanista, cun especial interese no galego, anunciaba así o que será a chegada do detective creado polo escritor Miguel Anxo Fernández ao mercado anglosaxón. «Un nicho para Marilyn», obra coa que o escritor e crítico gañou o Premio García Barros de Novela, foi a primeira obra que tivo ao investigador americano -descendente de galegos- como protagonista. Logo tería continuidade a saga, composta na actualidade por cinco títulos.

Segundo sinalaba onte o autor carballiñés foi a propia March, amadora do xénero negro, a que lle propuxo traducir ao inglés a obra protagonizada por Frank Soutelo e as súas pescudas sobre os restos de Marilyn Monroe: «Logo dun primeiro contacto e de comentar a través da rede a posibilidade de desenvolver o proxecto mantivemos unha reunión en Compostela e de aí foi de onde naceu o acordo. Para min foi unha sorpresa e unha honra que unha persoa como ela quixese facer a versión en inglés da novela».

«Un nicho para Marilyn» será publicada por Jonathan Dunne na súa editorial SmallStations. Dunne formouse sobre as obras clásicas na universidade de Oxford, desenvolvendo estudos avanzados de castelán e galego en Barcelona e Compostela. En SmallStations ten publicado en inglés obras como dúas antoloxías da literatura galega -a primeira vai de 1196 a 1981 e a segunda colle de 1981 ao 2011-, unha selección do traballo dos poetas galegos contemporáneos e obras de autores como Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz, Rosa Aneiros, Suso de Toro, Lois Pereiro, Elena Gallego e Fina Casalderrey. As previsións de Miguel Anxo Fernández e Jonathan Dunne pasarían por ir incorporando progresivamente as obras da saga de Frank Soutelo ao inglés.

O detective creado polo escritor conta con montaxe audiovisual propio -realizados por seguidores da saga-, un blog e un roteiro para escolares pola zona de Cambados, escenario onde se desenvolve «Bícame, Frank!», unha das obras asinadas por Fernández.