
A segunda edición da Semana da Empresa e o Emprendemento achega os estudiantes á realidade laboral
29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Isabel Maceiras, profesora do departamento de Formación e Orientación Laboral do IES 12 de Outubro, está á fronte dunha iniciativa que abre as portas do centro a empresarios de distintos sectores que explican en primeira persoa aos alumnos como foi a súa experiencia no mercado laboral.
-¿Que obxectivos se marcan con esta iniciativa?
-Basicamente, que os alumnos comprendan e coñezan a situación real do mundo da empresa. Nós dámoslles formación, pero practicamente todo é teórico, e pensamos que queda algo incompleto. Queremos que tomen contacto e coñezan a realidade, e pretendemos que esa parte a fagan expertos en distintos sectores, como os técnicos en márketing e coworking que teremos este ano, e tamén da man de experiencias reais, con empresarios que expliquen a súa experiencia e o que supón o mundo da empresa dende un punto de vista práctico.
-¿Pretenden potenciar o autoemprendemento?
-A semana está enfocada a que valoren que esa posibilidade existe e darlle as ferramentas para que eles decidan se lles interesa.
-¿Que motiva aos alumnos?
-Na miña especialiade damos dous módulos: un é de Empresa e iniciativa emprendedora. A estes alumnos de segundo curso de ciclos formativos de FP que fan este módulo van dedicadas as xornadas. Pero tamén aos de Bacharelato que estudan a optativa de Economía e aos de cuarto da ESO que teñen a optativa Obradoiro de iniciativas empresariais. Eses alumnos que elixiron estas optativas xa manifestaron interese por esa faceta e hai moitos que teñen intencion de, a medio ou longo prazo, crear unha empresa, pero outros non. De calquera maneira, todos din que prefiren primeiro traballar noutra empresa para adquirir experiencia. Son sensatos, en xeral, e, de entrada, non se plantexan emprender.
-¿Hai especialidades de FP con máis alumnos proclives ao autoemprego?
-Sobre todo nas ramas de imaxe persoal e en electricidade; os que menos, en fabricación mecánica porque os investimentos que lles esixe son moitos e a financiación é moi complicada.
-¿Cal foi a evolución nestes anos en canto a inquedanzas? ¿Hai máis alumnos en FP?
-Hai unha oferta formativa moi ampla, hai máis de vinte familias profesionais, e os alumnos ven esto como unha saída atractiva, igual porque non queren ir á universidade. Considérano unha alternativa interesante porque as saídas laborais son boas. O ano pasado aproximadamente o 40 % dos alumnos que remataron os ciclos formativos conseguiron traballo ese mesmo ano que acabaron, contratados polas empresas nas que fixeron prácticas. Esa porcentaxe é superior no caso do alumnado de Mecanizado, que se eleva ao 80 %. Asemade, o pasado ano un alumno fixo prácticas no Reino Unido, tres en Portugal e tres en Italia.
-¿Que novidades están ofrecendo na Semana da Empresa respecto á edición anterior?
-Procuramos que o programa abarque distintos aspectos e temas que lles poidan interesar aos alumnos. Mantivemos do ano pasado, porque lles gustou moito, a mesa redonda con antigos alumnos que xa son empresarios; será hoxe. Este ano, para abrir a semana eliximos a Paco Gallego porque nos parece unha figura que reflicte moi ben o que é a esencia do empresario: unha persoa dinámica, emprendedora, que ten varias empresas. Tamén nos interesaba moito o tema de márketing, porque é un asunto que damos de forma teórica nas clases, e o coworking, porque pensamos que é unha saída a ter en conta sobre todo para os que pensan en pór en marcha iniciativas tecnolóxicas.
isabel maceiras profesora do ies 12 de outubro