O colectivo oponse activamente ás reválidas que comezarán a realizarse a semana entrante
08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.José Antonio Álvarez Caride foi o último ourensán en nacer nas vellas instalacións sanitarias da rúa Progreso. Fíxoo o 1 de maio de 1969. De tan simbólica data, ri, debe virlle o espírito loitador e de traballo que o caracteriza ao fronte de FAPA Ourense, a federación que reúne ás asociacións de nais e pais de alumnos de centros públicos da provincia.
-¿Involúcranse as familias no asociacionismo?
-A xente escapa moito porque o problema que temos as asociacións agora é que as directivas avalan as súas accións co seu patrimonio, teñen unha responsabilidade patrimonial aí, por iso moitas asociacións están aí, existen, pero non se involucran moito. Eu, como son guerrilleiro, tento facer cousas; non hai que ter medo porque, máximo neste ámbito, con medo non fas nada.
-¿Medo a que?
-As familias sempre temos medo. Aí atrás comentábame un membro dun ANPA nova que se federou que lle daba medo denunciar un problema coa dirección do centro por se lle collían manía ao seu fillo. Eu contesteille: se vas con ese medo, non te metas nisto porque con medo non se fai nada.
-Pero iso serán lendas urbanas...
-Eu digo sempre que aquí estamos tratando con profesionais; na escola pública e creo que en todos os ámbitos, os profesionais o son. Hai esas lendas, eses medos, que deberiamos deixar a un lado porque non son de sentido común. Eles fan o mellor que saben, que é impartir educación aos nenos; uns implicaranse máis e outros menos, uns saberán máis e outros menos, pero todos temos que remar no mesmo sentido e ir da man.
-¿Son fluídas as relacións pais-mestres?
-Creo que bastante boas, aínda que sempre hai as súas... Nós non sempre temos a razón e os docentes ás veces fan as cousas dunha maneira porque son funcionarios e teñen que someterse á lei, como, por exemplo, agora co tema das reválidas. A maioría dos colectivos do ensino están en contra da Lomce, que é a que xera este tema, pero eles teñen que actuar como profesionais.
-A federación está en contra, ¿farán este ano actividades no Auditorio para os nenos que non fagan a reválida?
-O ano pasado pedímoslle apoio ao Concello e falamos coas ANPA para ter voluntarios que atendesen os nenos que non vaian a clase eses días, pero este ano temos no goberno do Concello un partido que apoia a Lomce, entón é lóxico que non apoien ou potencien o posible absentismo nas probas. Nós estamos facendo reunións informativas e propoñendo que as ANPA se organicen para cubrir esas mañás do 11 ao 13 de maio.
-Vostede acaba de entrar como vocal no consello escolar de Galicia. ¿Cal será o seu papel?
-Entro como vicepresidente de Confapa Galicia. Imos tentar presentar as ideas que as familias nos reclaman. Dende a Lomce, os consellos escolares son simplemente consultivos, antes eran o órgano máximo do centro, onde se decidía todo, así que nós imos aportar o máximo. Se o botan para atrás aí, teremos que loitar porque na rúa as familias fan moita forza; se estivésemos máis unidas, os mandatarios terían que escoitarnos moito máis. Os nenos non entenden de política e os pais e nais esquecen a cor do seu partido totalmente cando lle afecta ao benestar dos seus fillos, iso está clarísimo. Non é protestar por protestar, pero cando non nos fan caso nos órganos oficiais, témonos que botar á rúa.
-Comeza unha semana dura, coa oposición ás reválidas.
-Estamos facendo reunións informativas. Se hai avaliación continua, para que a reválida? Que se pretende cun sistema estandarizado habendo tantas diferenzas e circunstancias entre o alumnado? Claramente, a exclusión.
josé antonio álvarez caride presidente da federación de anpas públicas de ourense
«Os pais esquecen a cor do seu partido cando lle afecta ao benestar dos seus fillos»
«¿Que se pretende cun sistema estandarizado habendo tantas diferenzas?»
«Chamámoslle conciliación a ter os nenos entretidos, pero é moito máis»
Nunha análise en titulares da situación do ensino en Ourense, Álvarez Caride detense, en primeiro lugar, no rural.
-Coa unificación dos centros e os recortes estano desmantelando. Queremos unha educación pública, pero de calidade, onde un profesional poida impartir as súas técnicas e o seu programa con comodidade. Din que van repoñer o 100% dos xubilados, pero queremos que se recupere o que se perdeu, que non haxa que compartir orientadores, que non se perden especialistas...
-¿Solucionouse na cidade o tema dos comedores?
-Neste curso aínda non se asinou o convenio co Concello porque estamos solucionando problemas que nos poñen dende intervención; o servizo estase prestando, pero non nos podemos arriscar a firmar un convenio que nos traia tantos problemas coma o ano anterior.
-¿As familias están máis preocupadas pola conciliación que pola educación?
-Van parellas. Hoxe as familias preocúpanse moito, moito, moito de poder ter os seus fillos atendidos. Chamámoslle conciliación a poder ter os nenos entretidos todo o curso, pero a conciliación é moito máis. Hai nenos que están dende as 7.30 da maña ata as 6 da tarde no centro e a pregunta é: iso é conciliación? Pódeselle chamar, pero eu creo que conciliación é estar máis cos teus fillos e iso non depende de actividades senón máis das empresas e dos horarios.
-¿Que lles preocupa aos pais?
-Hai moitos pais interesados pola educación, polos contidos, polos deberes, polos manuais, tamén polo acoso. Temos que falar máis cos nosos fillos e non descargar tanto no centro. As familias temos que poñer da nosa parte. Se apoiamos ao neno na protesta contra o profesor, ao día seguinte vai crecido e entramos nun bucle.