O antigo músico que pinta nos Peares alegorías de Feijoo

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA

OURENSE

José Manuel Bázquez é un artista de técnica tan variada como a súa propia traxectoria vital

07 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres caras sorrintes de Alberto Núñez Feijoo saúdan desde unha parede aos pacientes que agardan a súa quenda no centro de saúde dos Peares. Non se trata de propaganda, senón de arte. Da arte de José Manuel Bázquez Ribada, que foi músico de mozo, despois residente na Cidade dos Muchachos e agora pintor e veciño dun dos catro barrios desta localidade a cabalo entre dúas provincias e catro municipios.

José Manuel Bázquez -o apelido orixina é con «v», pero el teima en usalo con o «b»- vive no lugar na Granxa, o barrio dos Peares que pertence ao municipio de Carballedo, desde que hai vinte anos a construción da nova N-120 afectou á súa casa. Non é difícil velo pintando polas rúas desta vila, interpretando á súa maneira sobre un lenzo a peculiar paisaxe urbana desta localidade levantada xunto á desembocadura do Sil no Miño.

Na rúa

Como pintor ten experimentado con técnicas variadas, da tinta china ao lapis de cor o acrílico ou a acuarela, pero hoxe traballa case sempre con óleo e cera. El evita casar con ningunha temática. «Variar é precisamente o que me divirte desta actividade -explica-, aínda que ao final un queda en picaflores sen rango ningún». E variada e abundante é a súa obra, creada moitas veces na rúa, diante da súa casa ao carón do bar O Xugo.

Así tamén foi a súa polifacética vida. De moi novo creou o grupo musical Ceniza, no que era o cantante e tamén acompañaba coa guitarra. Con ese grupo recorreu Galicia e León, pero aquela aventura rematou cando tivo que facer a mili. Máis tarde enrolouse no circo da Cidade dos Muchachos.

A alegoría en gran formato do actual presidente da Xunta pódese ver estes días no centro de saúde dos Peares, xunto con outros dos seus cadros. Tamén agora comeza unha exposición en Ourense, no café El Cercano.