A exposición sobre os históricos da banda deseñada de Galicia inclúen o traballo de Oitabén

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CESAR QUIAN

As viñetas, revistas e mesmo algúns dos seus personaxes en cerámica están na mostra de A Coruña

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Normal de A Coruña acolle desde o pasado día 17 a mostra BDG70: A revolta do cómic galego. O proxecto, que estará aberto ao público ata o vindeiro 31 de decembro, incide no papel desenvolvido polos pioneiros da banda deseñada en Galicia e os proxectos, tanto individuais como colectivos, que agromaron no país nun tempo no que o sector comezou a reivindicarse como tal. Un dos autores que forman parte da iniciativa é o ourensán Oitabén, nome co que asinaba naqueles anos Pablo Rodríguez, quen rematou sendo coñecido popularmente como Pablo Rodríguez Oitabén. Varias portadas de Vagalume. Publicación infantil e xuvenil asinadas polo ourensán, viñetas a cor dos seus personaxes Sol Por e Tarrantés, orixinais en branco e negro do seu traballo e pezas vencelladas co seu traballo -como unha pedra na que figuran pintadas algunhas das súas creacións ou una peza de cerámica que reproduce un dos seus personaxes- son algúns dos materiais de Oitabén que se poden ver na exposición de A Coruña.

Outro ribeirao, Xosé Lois González O Carrabouxo, tamén aparece referenciado no proxecto da Normal coruñesa. A mostra BDG70: a revolta do cómic galego xorde como resultado da investigación realizada en 2015 por Xulio Carballo para a súa tese de doutoramento sobre a banda deseñada galega e ten como obxectivo pór de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. Nomes como Díaz Pardo, Miguelanxo Prado, Pepe Barro, Pepe Carreiro, Xaquín Marín ou Chichi Campos, entre outros, figuran na exposición.

Entrega do Premio Arenteira

Pablo Rodríguez

Oitabén

recolle hoxe no Hotel Arenteiro (20.30 horas) o Premio Arenteira polo seu traballo como naturalista.