«'Fóra do mapa' fala da época das grandes viaxes e descubrimentos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

xoan a. soler

Emilio Fonseca presentará o día 22 en Ourense a obra coa que gañou o Premio Castelao

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Emilio Fonseca ten cita o vindeiro sábado na súa cidade. Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Complutense e afincado dende hai anos en Barcelona, onde desenvolve a súa actividade na produtora que comparte coa súa compañeira, o día 22 presentará na libraría Sindicato del Cómic a súa obra Fóra do mapa. Co traballo, ambientado na Venecia do século XV, gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada, unha convocatoria que promove dende hai anos a Deputación de A Coruña, baixo a coordinación do ilustrador Miguelanxo Prado.

Ambientar o argumento da obra no século XV obrigou a Emilio Fonseca a desenvolver un gran traballo de documentación. A elección temporal estivo motivada por un espazo e unhas circunstancias que lle resultan especialmente atraentes. «Foi a época da elaboración dos grandes mapas, dos descubrimentos e os avances da cartografía. E Venecia reunía moitas circunstancias que a facían a cidade engaiolante e atractiva por excelencia naquel tempo. Era unha cidade grande, onde se daban cita os comerciantes de Oriente e Occidente, de onde partían as grandes expedicións e as viaxes que daban lugar a importantes descubrimentos e, obviamente, o lugar a onde chegaban as novas que ían dando pé á elaboración dos novos mapas que ían definindo o mundo. Entón, os datos e a cartografía eran poder e había todo un mundo arredor das grandes expedicións: intereses comerciais, banqueiros que financiaban as viaxes e información que chegaba de todas as partes do mundo», lembra Fonseca. Un tempo, o de Fóra do mapa, que lle permite ao autor incidir en aspectos como os comezos do escravismo -cas expedicións a África-, os movementos sociais e artísticos ou escenarios como o da creación dos alicerces que foron dando lugar ao capitalismo.

Co Premio Castelao de BD xa editado, Fonseca retomará unha iniciativa anterior: o cómic Verde invisible, sobre o Gran Chaco latinoamericano. O traballo naceu como froito da participación do autor nunha proposta de cooperación internacional. «A iniciativa incidía nas problemáticas culturais e medioambientais da zona e fixen o cómic dentro do proxecto Chaco Ra’anga. Creouse unha exposición, que agora mesmo está en Bos Aires logo de percorrer varios países, e que tamén virá a Madrid. E temos pendente sacar un volume co traballo, daquela estou co guión e a planificación destas páxinas para o que será o libro de Verde invisible, aínda que non están realizadas polo de agora», sinala o ourensán.

Emilio Fonseca comparte o traballo na produtora -realizan proxectos para televisións locais e na actualidade están cun documental para o Centro Cultural de Barcelona- co ensino e con outras propostas audiovisuais. É autor dun documental sobre os incendios en Galicia, titulado Queimar o monte, que naceu da carraxe sentida nunha nova vaga de lumes: «Estaba en Barcelona e vía como, outra vez, ardía o Xurés e en pleno mes de febreiro xa ían non sei cantas hectáreas queimadas». Na actualidade está preparando unha obra audiovisual sobre os lobos. Está na fase de recollida de documentación e de definición de contidos. «E coordinando a axenda con Uxía Buciños, que colabora conmigo no proxecto».