«A xente da base da sociedade aínda non percibe a recuperación económica da que se fala»

e. f. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Felipe Ferreiro leva desde 2015 presidindo Cruz Vermella na provincia de Ourense

30 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Un dos seus principais obxectivos cando accedeu ó cargo era aumentar o número de colaboradores coa entidade, algo que se acadou segundo indica a memoria da organización, presentada onte. Pero os retos son cada vez maiores.

-Parece que a recuperación económica da que se fala non chegou á maioría das familias.

-Fai tempo que observamos que as persoas que atendemos están en situacións vulnerables ou con risco de exclusión e que esas situacións se prolonga no tempo. A xente da base da sociedade aínda non percibe a recuperación económica porque moita da que consegue emprego non ten unha boa remuneración.

-Máis de 250 persoas atoparon emprego grazas á entidade, ¿como se consigue isto?

-A modo de exemplo, fai pouco clausuramos un curso adicado a mozos entre 18 e 30 anos cuxa situación era complicada porque moitos deles non remataran os estudos e, sen embargo, dos vinte que participaron no programa oito conseguiron emprego nas empresas nas que realizaron as súas prácticas. Aquí tamén é importante agradecer a sensibilidade dos máis de douscentos empresarios que colaboraron con nós durante todo o ano, neste e noutros ámbitos.

-¿Como vai a labor cos refuxiados en Valdeorras?

-É un tema que hai que tratar con moitísima delicadeza. É unha fronte aberta complexa e seria. O total de persoas acollidas é de vintenove, e iso supuxo un cambio importante no modo de traballar.

-¿Que destacaría de toda a actividade que realizaron durante o 2016?

-Penso que intentamos estar cada vez máis preto dos pequenos, da xuventude, con programas de apoio escolar, e das persoas maiores con atención continua nas zonas do rural xa que moitas atópanse solas.

Felipe Ferreiro preside Cruz Vermella en Ourense desde o ano 2015