Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Gústame cantar en galego»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A artista francesa afincada na Bola Camille Hédouin vén de gañar o certame Narf da Deputación da Coruña

03 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Gústame cantar en galego». É o idioma que fala na aldea na que vive, o idioma no que se relaciona cos veciños e o idioma que usa para compoñer (cando non usa o seu francés natal ou o inglés). Agora, tamén, é o idioma co que vén de gañar o certame Fran Pérez Narf, da Deputación da Coruña.

Camille Hédouin, nacida en 1986, fala galego desde que en 2011 chegou a Galicia procedente de Nantes para instalarse na aldea de Pardavedra, no concello da Bola, e formar parte do proxecto de recuperación da aldea de Saumede (a mesma na que cada verán fan un festival de música alternativa, polo menos alternativa á que se escoita nas radiofórmulas). Chegou sen saber ningún dos idiomas oficiais e aprendeu o que se falaba aquí. «Moitos dos meus veciños teñen 80 anos e falan galego, así que foi o que aprendín», conta. De feito, non fala castelán, aínda que se fai entender cando ten que comunicarse con xente de Madrid, por exemplo, segundo ela mesma conta. «Se penso moi forte si que son capaz de traducir algo, pero normalmente a xente enténdeme», di.

No 2012 empezou con Mounqup, o seu proxecto musical. «E desde que quedei embarazada fixen algo máis serio», sinala. O verán pasado sacou ao mercado o seu primeiro disco, titulado Proba de son. «Hai cancións en galego, en francés e en inglés», di. E engade entre risas: «A cousa é que como teño o acento francés moi forte, a xente non se dá conta de que canto en galego. Moitos ata me preguntan en que idioma é que canto (ri forte). Ou preguntan se son brasileira ou portuguesa».

Di que non lle importa demasiado se a xente non entende as letras. E conta que se canta noutros idiomas é para ter máis musicalidade. «Se cantara en francés estaría todo condicionado polo acento. A miña forma de falar é moi pechada. Ao cantar en galego e inglés podo mesturar o meu acento e sacar algo máis musical, con máis liberdade, sen preocuparme como ten que ser, porque non pronuncio ben», di entre risas. Camille explica para quen non a coñeza como Mounqup que ela soa é toda a banda. «Compoño na casa con ordenador, cunha máquina e con pequenos instrumentos. E no escenario uso máquinas. Gravo a voz en loops e teño bases electrónicas, sobre as que vou creando desde cero», explica.

Gañadora do Narf

Camille goza estes días do premio que recibiu da Deputación da Coruña. Un amigo faloulle da convocatoria e aló foi. Di que se se apunta aos concursos é para que o xurado escoite a súa música, máis que por un afán puramente competitivo. «E este funcionou. É raro, pero funcionou. Así polo menos hai xente que me escoita, e chego a máis xente», sinala. Apunta que cando os premios son con voto do público non ten nada que facer. «Non teño tantos amigos...», resalta volvendo a rir, algo que fai moito, cunha voz que denota ledicia. «Ademais, os concursos en xeral elixen grupos que poden molar a moita xente; así que agora vou a aqueles nos que a orixinalidade é un punto», sinala, para despois recoñecer que a música con loops non ten moito público. «O estilo roqueiro e con guitarra eléctrica é o máis común, pero non é o que eu fago», recoñece.

O xurado no Narf elixiuna pola súa forza, «o ben que comunica, o traballo que hai detrás da creación, e a súa condición de proxecto innovador».

O premio son 3.000 euros. «Vaime permitir renovar o meu material, que é antigo e funciona mal», di. E tamén será un pulo para seguir a súa carreira musical. «Espero que chegue tamén para poder gravar o novo disco, que estou compoñendo -avanza-. Levará temas en galego e tamén en francés, porque teño moitas gañas de cantar en galego».