Filomena Dato, in memoriam

Fernando Román FIRMA INVITADA

OURENSE

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, 26 de febreiro, cúmprense 92 anos do pasamento da poeta Filomena Dato. No cemiterio de San Vicente de Moruxo (Sada) colocarán un monolito na súa honra. Finou en 1926; enterrándoa nese cemiterio, aínda que non se coñece a ubicación do sartego ao facerse a mediados do século XX reformas no mesmo. O seu pasamento foi sentido en toda Galicia, participando personaxes históricos da nosa terra.

Naceu en Ourense o 26 de xullo de 1856, na rúa de Cervantes; bautizárona na parroquia de Santa Eufemia do Norte (San Domingos). Tivo tres irmáns: Juan e José estudaron o bacharelato no Centro de Instrución Pública, na rúa de Lamas Carvajal. Juan era médico militar, exercendo en Cuba; José era tamen militar, co rango de tenente coronel en Santiago. Maravillas, a menor, morreu no pazo de Moruxo.

Foi un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista galega nos séculos XIX e XX, con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Sofia Casanova. As escritoras ourensá e padronesa destacaron, por riba de todo, na poesía en lingua galega; foron as únicas mulleres que publicaron libros na nosa lingua no século XIX. Follatos (1891) foi o título en galego de Filomena. Tamen o fixo nagnificamente en castelán.

Á Dato, á Pardo Bazán e Sofia Casanova uniulles unha boa amizade, xuntándose en Ourense e na Coruña, no pazo datiano de Moruxo, en Sada, e no de Meirás. Filomena e Emilia participaron en Ourense nos Xogos Florais de 1887 no que resultou premiada Filomena e a Bazán era a presidenta do xurado nos de 1901 que sendo a condesa tamén presidenta e Filomena, mantedora. No Liceo, en 1914, organizados uns actos sociais pola marquesa da Atalaya Bermeja, Filomena ditou unha importantísima conferencia. Tamén participou nas tres homenaxes que Ourense adicou a Lamas Carvajal.

Daquela integrouse nos cenáculos literarios galegos de sona: no de Lamas, no dos seus curmáns os Muruais con Valle-Inclán na casa do Arco, en Pontevedra, ou na pontevedresa botica da Peregrina e, en Ourense, na de Benito Fernández Alonso, no seu comercio de panos, no número 8 da Praza Maior, presidida por Marcelo Macías, a quen acompañou en innumerables actos e a el lle adicou unha composición na homenaxe que se lle fixo en 1917 co gallo da súa xubilación e, en 1925, cando se lle nomeou Fillo adoptivo de Galicia. Filomena tamén mantivo relacións amicais con personaxes senlleiros da literatura galego, a maioría xa citados máis arriba: Curros Enríquez, Manuel Murguía, Heraclio Pérez Placer e Pérez Lugín…

Curros Enríquez escribiulle sentidas palabras en La Tierra Gallega, onde lle publicou algunha composición, mesmo incluiu un retrato dela a plumiña. Creada a Real Academia Galega en 1906, Curros propúxoa, sendo aceptada, como membro correspondente. Morto el foi unha das autoridades que o recibiu na Coruña, colocando unha coroa sobre o seu sartego diante da sé da Real Academia Galega. Participou na homenaxe ao celanovés no teatro Principal da Coruña; en 1913, en Ourense, foi fedataria na colocación dun monolito in memorian do amigo na Ponte Romana e, en 1925, na homenaxe celebrada no Teatro Principal.

A súa súa obra foille premiada en xogos florais en castelán, e, en especial, en galego: Follatos é o texto que lle deu sona, onde recolle as obras premiadas no Certame literario de Ourense de 1887 (Xogos Florais), adicado á «Infanta d´España Dona Sabela Francisca de Borbón», sendo a máis importante «Defensa das mulleres» na que fala de personaxes femininos a imitación doutra co mesmo título de frei Benito Feixoo; a honraron con tres premios e por un cento de cantares e o romance Casdemiro; escritas nun galego ricaz.

En castelán, os premios foron: en 1888, o romance A Lourizán, no certame de Pontevedra; en 1891, en Tui nos Xogos florais de Galicia o Consistorio d´os Xogos Froraes de Galicia premiárona cun alfilenete de turquesas e brilantes pola poesía O gaiteiro de Xixón; o xurado formábano Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas.

A súa personalidade poliédrica, sociabilidade, cultura e sensibilidade amosounas na súa obra poética; considerárona digna sucesora de Rosalía de Castro. Tratou o ámbito do ser humano con igualdade, sociabilidade, cunha firme crenza feminista. Demanda xustamente a igualdade do ser humano sen importar o seu xénero; daquela transmite a mensaxe da equiparación de dereitos esenciais do home e da muller; tamén defendeu a identidade propia da nosa terra e da lingua nativa.

Publicou cinco libros en castelán: La letania Lauretana, Penumbras, Romances y cantares, La luna coimbricense e Fe.

Algunhas das súas composicións publicáronse en xornais. O 2 de xuño de 2009 presentouse no Museo Municipal de Ourense a obra titulada Filomena Dato: a poeta galega de entre séculos da miña autoría publicado pola editorial Duen de Bux, no que inclúe unha biografía da autora e unha recompilación de 69 poesías en galego, tres delas inéditas; merece ser destacada a titulada O Ciprianillo; só era coñecido o de Curros. De seguido, fíxose unha procesión cívica ata a casa número 64 de rúa de San Domingos, para repor unha placa que fora colocada o 25 de xullo de 1933, que di: «As mulleres ourensáns lémbranse de sua escritora, Filomena Dato Muruais que níste casal morou». Daquela léranse unhas cuartillas de don Marcelo Macías.