A historia da invasora obrigada

Susana Rodríguez Fariña MEDIO AMBIENTE

OURENSE

Jorge F. Layna

05 jun 2018 . Actualizado a las 14:28 h.

Nahua era unha pequena mapache que vivía nos bosques caducifolios achegados aos cursos do río do Centro e Norte América. Nacera en maio, no seo dunha familia monomarental. Coa súa pelaxe longa e pardo?agrisada, pasaba desapercibida cando, pola noite, saía a buscar alimento. Para esconderse mellor, empregaba un anteface negro arredor dos ollos e uns aneis escuros na súa longa e peluda cola. As súas orellas redondeadas outorgábanlle unha grande capacidade auditiva, que axudada polo olfato ben diferenciado e reflectido no seu prógnato fociño, convertíana nunha moi boa depredadora de aves acuáticas, niños, caranguexos, ovos de sapoconchos, pequenos anfibios... Todo canto se lle antollara. As súas extremidades pentadáctilas, capacitábana para manipular o alimento, lavándoo sempre antes de consumilo. Por isto chegaron a chamala a osiña lavadora!

Unha noite, mentres cazaba ás beiras do río, escoitou un ruído. Alguén axexaba dende a escuridade. Comezou a emitir vocalizacións de alerta, Whoo-oo-oo-oo. De repente, sentiu como un peso moi forte percutía sobre o seu corpo. Non podía oír, non podía ver...

Cando a sacaron dese cárcere estaba nun lugar no que había moita xente, era como un mercado clandestino. Achegouse un home peiteado, con roupa cara e un perfume que penetraba nas glándulas olfativas, máis que o cheiro dun animal en descomposición. Mirouna fixamente e, amosando un faixo de billetes dixo: «levo esta».

Despois de pasar horas e horas nunha caixa de cartón, espertou repousada nunha cama suave e acolchada. Alguén se achegaba con ímpeto. Unha cativa Cando ficou a súa vista en Nahua, comezou a berrar moi emocionada. Colleuna, bicouna, apertouna e púxolle mil complementos. Unha coroa de princesa, un vestido rosa... Peiteouna e maquillouna. Finalmente, colocoulle un colar arredor do pescozo e atou nel unha corda que ela suxeitaba polo extremo. Saíron á rúa. O ruído dos coches, a incomodidade do vestido e a cativa que tiraba moito... Nahua, agoniada, intentou escapar da súa doce opresora. Berrou, revolveuse e tirou até que a cativa caeu ao chan e comezou a chorar. O pai, moi enfadado, colleu a Nahua e pechouna no soto. Tan só unha hora máis tarde, un home nunha furgoneta foi por ela. Chegaron a un sitio no que había moitos animais, animais grandes e salvaxes e metérona nun recinto no que había outros mapaches.

Por un momento sentiuse aliviada ao ver outros animais na súa situación, pero axiña puido ver a falta de vida que se visualizaba nos seus ollos. Os días pasaban e, aínda que non lles faltaban coidados, non querían estar alí, aproveitarían calquera ocasión para coller billete de volta á súa felicidade. Un día comezou a ventar moi forte. Unha cicloxénese... A tea metálica que cubría o seu recinto rachou e, sen dubidalo, escaparon. Correron e correron até que escoitaron uns sons familiares. Eran outros mapaches! Alí, na cunca do Miño!

Realidade ou ficción?

Claramente, estamos ante unha historia ficticia, personalizada nun individuo que probablemente nunca existiu. Sen embargo, a realidade do tráfico ilegal de mascotas e a introdución de especies invasoras é un feito real en Galicia. Se ata hai pouco a nosa preocupación radicaba na expansión do caranguexo americano (Procamburus clarkii), o sapoconcho da Florida (Trachemys scripta) ou o visón americano (Mustela vison), dende o 2010 tivemos que engadir a observación de mapaches na cunca do Miño.

Inicialmente, unha pode imaxinar unha confusión cos teixugos (Meles meles) ou as xenetas (Genetta genetta), dada a súa similitude morfolóxica. Sen embargo, trala captura de 30 individuos, non hai dúbida. Se temos en conta que son omnívoros oportunistas, cazadores versátiles e que en Galicia non teñen inimigos naturais como o coiote (Canis latrans) ou o puma (Puma concolor), a situación é ideal para o seu desenvolvemento. O problema é que, debido a esta condición case utópica e a que son portadores de enfermidades (a rabia, o moquillo...) comezaron a desprazar a carnívoros medianos ibéricos como a lontra (Lutra lutra), o visón europeo (Mustela lutreola) e o turón (Mustela putorius) e a diminuír a poboación das súas presas (mexillón de río, aves acuícolas...).

Diferentes investigacións sinalan a orixe desta realidade no escape de tres mapaches do parque zoolóxico Marcelle natureza. Contemplando que, actualmente, neste parque só se recollen animais que foron mascotas ou que proceden dunha situación pouco favorable para a súa integridade física e psíquica, habería buscar máis dun só culpable.

Actualmente a tenencia de mapaches en España está prohibida, con excepción daqueles que foran adquiridos previa aprobación do decreto de lei correspondente, coa condición da esterilización. Sen embargo, seguimos buscando de maneira furtiva como adquirir o animal máis exótico e salvaxe, simplemente por capricho ou por falta de coñecemento sobre o que subxace detrás destas accións. Cando procuramos un animal salvaxe como mascota, non sempre somos conscientes do alcance que poden chegar a ter os nosos actos. Dende o benestar do propio individuo, sendo sometido a toda unha cadea de maltratos, ata o impacto que podemos provocar cando, por descoñecemento, decidimos «liberalo» nun hábitat que non é o seu.

Tendo en conta estes aspectos, soa demasiado egoísta falar de proxectos de erradicación dunha especie cando nós fomos as culpables de introducila. Comecemos a promover unha conciencia preventiva baseada no respecto pola identidade de cada especie e polas necesidades e requirimentos dos nosos ecosistemas. Especies invasoras si, son, pero obrigadas, tamén.

Quén somos?

Somos unha asociación medioambiental que traballa en prol ao desenvolvemento sostible. Facémolo mediante proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, desde voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, rutas temáticas, campamentos, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, servizo de voluntariado europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor na nosa web e no noso Facebook.

 

Máis información www.sustinea.com