O Principal ofrecerá nestes meses obras como «Iphigenia en Vallecas» ou o concerto de Damien Jurado
06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Teatro Principal abrirá o vindeiro día 20 a programación do segundo semestre do ano e a oferta chega cun mes de setembro cargado de propostas e coa expectación que xa está xerando unha das actrices que sempre é sinónimo de entradas esgotadas: Concha Velasco. Os catro meses que restan do 2018 ofrecerán un amplo abano de representacións teatrais, ciclos e concertos de música clásica que xa son «fixos» na sala da rúa da Paz, blues, gospel, danza e actividades para os máis cativos. A programación foi presentada onte nun Principal en obras -co patio de butacas levantado e cun elevador para facilitar os traballos de pintura e mantemento- pola directora do teatro, Olga Mojón, o responsable de Agadic, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.
O concerto da Filarmónica da Cámara de Colonia -con obras de Vivaldi, Mozart e Paganini- abrirá o calendario de actividades do segundo semestre. Será o día 20 deste mes. Un día despois contarase coa presenza de Concha Velasco e a súa montaxe «El funeral», un proxecto baseado nun texto do seu fillo Manuel V. Velasco -que tamén é o director- e no que Jordi Rebellón sustituirá a Antonio Resines, que tivo que deixar a tempada por problemas de saúde.
Sesións ás 20.00 horas
O 27 poderase disfrutar da montaxe de danza «Black Apple» e ao día seguinte chegará a xira de Fekat Circus e o seu espectáculo «Move in». O proxecto é un movemento solidario de Etiopía que aposta polo movemento cutural para mudar a realidade dos mozos africanos.
En outubro chegará, día 6, a montaxe «Todas las mujeres» -na que participan Fele Martínez, Nuria González, Lola Casamayor, Cristina Plazas, Mónica Regueiro e Lucía Barrado- e «Iphigenia en Vallecas» estará no Principal o 21. A multipremiada obra protagonizada por María Hervás, que se representa entre o público, incide na marxinalidade e a cara menos coñecida da sociedad.
As sesión do Principal serán ás 20.00 horas pola semana (antes comezaban ás 20.30 horas) e os domingos ás 19.00 horas.
Estrea estatal
O Principal acollerá nestes catro meses citas tradicionais -Enclave de Cámara, Fito, Moti ou Festival de Blues, entre outras- e o concerto de Ndal correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia (22 de decembro). Damien Jurado actuará o 25 de outubro e Javier Perianes o 13 de decembro.
O teatro ourensán acollerá o 15 de decembro a estrea absoluta da montaxe «Linda vista», protagonizada por Toni Cantó, Ruth Gabriel e Nuria Herrero, entre outros actores.