O organismo asumirá a organización do Festival de Cine Internacional de Ourense
04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado 18 de setembro, no acto de presentación da nova montaxe de Sarabela Teatro, o alcalde de Ourense sinalaba que o Concello estaba a traballar no decreto polo cal se ía ceder temporalmente a marca do OUFF á Deputación para que o organismo provincial se fixese cargo da organización do Festival de Cine Internacional de Ourense a partir deste mesmo ano. Quedaba por resolver, naquela altura, a duración que se lle ía fixar ao acordo.
Segundo se soubo onte Jesús Vázquez asinou tres días despois, o 21 de setembro, o decreto no que se procedía a «aprobar a cesión temporal de uso da marca ‘OUFF Festival Internacional de Cine de Ourense’ á Deputación de Ourense». Nas condicións que figuran no documento o Concello fixa cinco apartados coas obrigas que deberá asumir o organismo provincial para organizar o certame audiovisual.
Orzamento provincial
A aceptación da marca OUFF obrigará á Deputación a asumir a organización anual do certame e realizar as actividades no termo municipal de Ourense «sen prexuízo da organización de actos complementarios ou puntuais noutros municipios da provincia».
Tamén deberá o organismo provincial «contratar, e asumir con cargo aos seus orzamentos, a dirección artística do Festival de Cine Internacional de Ourense» e asumir os gastos de organización con cargo aos fondos da Deputación. O decreto de cesión da marca sinala ademais que a entidade que recibe a responsabilidade do certame audiovisual debe «adscribir, nas datas, horario e para as funcións que se determinen no seu momento, persoal propio, para a realización de tarefas necesarias para a organización do OUFF» e porá a disposición do certame audiovisual o Teatro Principal e o Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O Concello de Ourense, pola súa banda, colaborará coa Deputación poñendo ao seu dispór para o festival os espazos de titularidade municipal «nas datas e horario que se determinen cos medios persoais propios destes espazos». Unha comisión velará polo cumprimento dos termos do decreto. Estará formada por dous representantes de cada unha das partes.
Revisable aos dous anos
Aínda que a cesión que o Concello de Ourense fai da marca OUFF é por catro anos, a administración local inclúe un apartado no que se condiciona esa temporalidade. Así, no punto cuarto sinálase que a cesión terá unha vixencia máxima de catro anos «revisable aos dous anos por desestemento de calquera das dúas partes».
Ourense en Común reclama de novo a dimisión da concelleira de Cultura pola perda do certame
A problemática que se vive na cidade en materia de cultura, tanto en aspectos como o do concurso da banda de música como no caso de proxectos que se teñen visto afectados pola nova lei de contratación, ten servido para pór en cuestión o traballo e a xestión da concelleira de Cultura do Concello de Ourense.
A confirmación da cesión da marca do Festival de Cine Internacional de Ourense á Deputación serviu onte para un novo posicionamento da oposición municipal nesta liña e dende Ourense en Común reiterouse a «petición de dimisión de Belén Iglesias logo de consolidarse a cesión do OUFF a Baltar». Dende a Marea lembrouse que «o PP destruíu nos últimos tres anos o feito nos setenta anos anteriores no eido cultural», asegurando que o presidente da Deputación de Ourense «segue a deixar en evidencia a nefasta xestión de Jesús Vázquez, o candidato de Feijoo que el nunca apoiou».
Ourense en Común sinalou, logo de coñecer o decreto asinado polo alcalde, que se está a dar na cidade unha «aleivosía sistemática e inaudita coa que o goberno municipal, con Jesús Vázquez á fronte e Belén Iglesias como responsable da xestión cultural do Concello, levan destruíndo nos últimos tres anos toda a actividade dos 70 anos anteriores». Dende a formación califícase de «fagocitación do OUFF» a cesión e considérase que o decreto é o punto de non retorno, ademáis de cuestionar o futuro papel do Concello no festival de cine.