Manuel Portas, premio Blanco Amor de novela longa

La Voz OURENSE

OURENSE

marcos creo

O galardón ten una dotación económica de 15.000 euros

30 nov 2018 . Actualizado a las 20:44 h.

O escritor santiagués Manuel Portas Fernández foi o gañador do Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor” pola súa obra «Por puntos». O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, deu a coñecer hoxe o seu ditame trala reunión mantida no centro cultural Marcos Valcárcel, elixindo, de entre os 24 orixinais presentados ao premio, a obra de Manuel Portas presentada baixo o lema Melquíades Sancristovo».

O galardón, cunha dotación económica de 15.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Portas, destacando da novela Por puntos a súa «calidade narrativa», tratándose «dunha novela de interese para calquera tipo de lector, que recrea unha galería de personaxes interactuando nun contexto actual e urbano”. Na acta, tamén destaca o xurado que “este retablo de tipos humanos mantén ata o final unha tensión argumental, que é a que sustenta unha trama áxil e diversa»

O xurado destaca do gañador que se trata «dun autor plenamente asentado e celebrado na nosa literatura, e a variedade de rexistros lingüísticos desta obra singulariza ás persoas que interveñen no relato e achega forza expresiva e autenticidade á novela». O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, «cuxa obra incrementa a calidade e nivel deste premio, o máis antigo e prestixioso da literatura galega».

A entrega do galardón terá lugar mañá no Liceo de Ourense, ás 20.30 horas, coincidindo co trinta e nove cabodano do autor da Esmorga. Durante o acto, o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.

En 2014, cando se cumpriron trinta e cinco anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, entre outras accións, coa organización deste premio literario e a creación dunha fundación co nome do escritor, para a difusión e valorización da súa obra.