O ourensán Rodolfo Prada foi o «outro eu» do intelectual galeguista e o seu home en Bos Aires desde 1940
08 ene 2019 . Actualizado a las 08:11 h.O cabodano de Castelao, de cuxo pasamento se cumprían onte 69 anos, serviu para poñer de relevo a figura dun ourensán que traballou man con man co intelectual de Rianxo para sentar as bases do movemento galeguista en Bos Aires desde os anos corenta do pasado século. A Deputación de Ourense organizou o acto «Castelao e Prada: Irmaus» para lembrar a Rodolfo Prada Chamochín, un galeguista dos Peares que foi «o home de Castelao en Bos Aires», en palabras do escritor Luis González Tosar -quen falou como representante da familia Prada Allende- ou «o outro eu», de Castelau nunha das definicións que deu Ramón Villares, expresidente do Consello da Cultura Galega. O acto celebrouse na antiga biblioteca da Deputación, hoxe sala de recepcións e protocolo, onde se gardan temporalmente os restos, cinzas, de Ramón Prada.
Villares, como mantedor do acto, lembrou que o vocativo irmaus era común entre os militantes das Irmandades da Fala. O catedrático de Historia Contemporánea da USC relatou como as traxectorias de Castelao e Prada xuntáronse na «Galicia Ideal» -o proxecto político e cultural que Castelao non puido facer na terra logo do 36- e que levou a cabo no Bos Aires de 1940. Prada non foi unha figura de primeiro plano, mencionou Villares, pero contribuíu de forma esencial «na forxa do símbolo e do mito de Castelao». Gardou a súa memoria, organizou o seu enterro -levando terra de lugares especiais das catro provincias galegas- e preocupouse de que a lexitimidade política do Consello de Galicia acadara no exilio se transferise aos herdeiros da transición e da futura nacente autonomía galega.
Segundo Villares, Rodolfo Prada fixo catro grandes cousas por Castelao: xestionou persoalmente a súa acollida en Bos Aires, traballou con el nunha estrutura institucional de Galicia no exilio, foi a figura máis próxima, sen pertencer ao Consello de Galicia, que converteu a Castelau nun símbolo e coidouse moito de que o seu legado fose gardado e transferido. Prada tiña liberdade para viaxar, pois era comercial das pastillas Dr. Andreu, e actuou como unha sorte de embaixador ou ministro sen carteira do Consello de Galicia, o referente político do galeguismo. Antes, axudou a que Castelao acadase o visado para poder entrar nunha Arxentina a que chegaría sen recursos económicos e convenceu á comunidade galega de que a presenza do Daniel Rodríguez sería produtiva. Ademais, Prada tivo un papel clave nas relacións cos vascos e cataláns e na configuración da asociación Galeuzca, que sería o xerme do apoio posterior das outras nacionalidades para a creación da autonomía galega. Foi «o outro eu» de Castelao en Bos Aires, que antes definira así a Risco. Un asesor ideolóxico como foran Valentín Paz Andrade ou Alexandre Bóveda para o insigne galeguista, referiu Villares.
Luis González Tosar rememorou o seu primeiro encontro con Prada, a quen coñeceu e tratou, en Bos Aires. «Foi quen me guiou polo camiño da Galicia verdadeira», dixo. Lembrou que coa chegada de Castelao comezou a apostarse polas unidades provinciais coa creación do Centro Ourensano, que naceu cunha vocación concreta exposta por Castelao e desenvolvida por Prada. «Foi un home do ourensanismo, que está no cerne do galeguismo», e «un patriota», destacou.