U-lo o Museo Barreiros?

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

13 mar 2019 . Actualizado a las 19:20 h.

Xornada de citas institucionais a dun xa lonxano 9 de novembro do 2000. Na cidade inaugurábase a denominación dunha praza co seu nome e en Gundiás (Nogueira de Ramuín) descobríase un busto lembrando a Eduardo Barreiros. No seu pobo natal, fronte á casa onde nacera, o espazo andaba escaso aquela tarde: gaiteiros, autoridades locais, provinciais e autonómicas, a familia do homenaxeado, os ilustres vencellados ao homenaxeado e aos presentes, os veciños que aínda mantiñan accesa algunha lembranza del o dos seus irmáns... e moitas palabras de agradecemento, louvanza e recoñecemento. E, como non, compromisos para un futuro próximo.

Naqueles días, entre acto e acto, xa se puxo enriba da mesa unha nova proposta: habería un Museo Eduardo Barreiros na súa terra porque era de lei lembrar a quen foi un referente da revolución do mundo do automóbil e un adiantado ao seu tempo. Ourense tiña unha débeda pendente con el, polo que sempre fixo pola provincia e polos seus veciños, e un museo mantería viva a súa memoria no seu lugar de orixe. E máis tendo en conta que xa existía unha fundación co seu nome, creárase en 1997, e que a relación coa mesma era unha fermosa realidade.

Van alá máis de dezaoito anos. Do anunciado Museo Barreiros ninguén máis se lembrou. Gundiás mantén o recordo do seu fillo egrexio, co busto instalado na praza que leva o seu nome, e aquela xornada xa é historia. Neste 2019, ano do centenario do seu nacemento, volverán as homenaxes a Barreiros. E quen sabe, igual ata nos prometen un museo!