Manuel Portas: «Hai unha especie de moralidade pública cos cursos para recuperar puntos do carné»
OURENSE
O escritor presentou na Deputación a novela coa que gañou o premio Blanco Amor
29 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.O compostelán Manuel Portas (Barcelona, 1960) convertíase hai uns meses no gañador do premio Blanco Amor de novela. A obra «Por puntos» foi presentada onte nun acto no que participaron, xunto ao autor, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal. Os protagonistas da obra son os participantes nun dos cursos organizados para recuperar os puntos do carné de conducir.
-Xa se tiña presentado á convocatoria do Blanco Amor?
-Non. Como dixen na presentación da obra é un premio que impón, que xenera vertixe pola nómina de xente galardoada e o que representan na literatura galega. Pero as cousas ás veces son así: tiña rematado o orixinal e díxenme a min mesmo «por que non»... e foi un sorpresón!
-Tamén sinalou na presentacion que era una novela para gozar, non para estudar.
-Esa é unha premisa básica. Sempre. Son ensinante de literatura e manteño que a literatura é para gozar, para vivila, non para estudala.
-Existe esa realidade escura dos puntos do carné?
-Si. Hai como unha especie de moralidade pública na que se mira mal á xente que debe acudir aos cursos porque tiveron unha sanción por exceso de velocidade, superar a taxa de alcohol ou calquera outra infracción. É os afectados ocultan o que lles pasou ao sentirse reprobados. Na maoiría dos casos non o din nin no traballo nin na familia.
-E aí comeza todo?
-Si. Os protagonistas son as persoas que participan nun destes cursos. Son xente normal, descoñecidos entre eles, que durante eses días deben convivir e compartir as súas inquedanzas, problemas e realidades. E, como pasa nestes casos, tamén se dan situacións traxicómicas e histriónicas.
-Tiña coñecemento de causa?
-Non. Pareceume unha boa historia e daquela estiven preguntando ata que conseguín contactar cunha persoa que é profesor de autoescola e que imparte este tipo de cursos de fin de semana para recuperar os puntos do carné. Estivemos falando para documentarme e coñecer a realidade e as situacións que se dan nestas xuntanzas. E a partir de aí fun creando os meus personaxes, que non responden a casos reais, para que parecesen o máis verosímiles posibles.