O BNG gobernará en minoría e o novo rexedor municipal confía en incorporar aos socialistas
21 jun 2019 . Actualizado a las 12:54 h.Os resultados do 26M deixaron á corporación de Castrelo de Miño cun escenario ben distinto ao que tivera no último mandato. O BNG perdía a maioría absoluta coa que gobernaba e a representación que deixaban os nacionalistas ía parar á bancada socialista. Cun empate a tres concelleiros entre BNG, PP e PSOE -por esa orde- rematou sendo alcalde Esteban Suárez Méndez (Castrelo de Miño, 1983), ao ser o candidato da lista máis votada e ao non haber pactos de goberno. Enxeñeiro industrial de formación, é correspodente dunha entidade bancaria no pobo e ten impartido cursos na súa condición de formador de desempregados.
-Primeira vez que se presenta e alcalde. Tiña xa experiencia na política municipal?
-Como tal non, aínda que si estaba vencellado á mesma. Nunca fora nas listas do BNG, foi esta a primeira vez, mais xa tivera relación co equipo de goberno de Xurxo Rodríguez Méndez porque logo de rematar a carreira estivera facendo cousas para o Concello. Foi no 2011.
-Por que non chegaron a un pacto de goberno co PSOE?
-Non sei. Mantivemos varias reunións, que en todo momento foron moi cordiais, pero logo a agrupación local acordou non pactar. Nós propuxemos crear seis áreas de xestión, tres para cada grupo, mais non saiu adiante a proposta. A sintonía é boa e non descartamos que se incorporen máis adiante.
-Cales son as prioridades para este mandato?
-Neste momento adaptarnos e poñernos aos día na xestión municipal. Era algo que deberiamos ter feito nestas semanas previas, mais como estabamos centrados na negociación non houbo tempo.
-Que actuacións se están a desenvolver?
-Con carácter inmediato o noso obxectivo é levar a cabo un plan de limpeza, acondicionamento e mellora dos viais municipais. É algo demandando polos veciños e estamos mirando como acometer os traballos, porque as subvencións da Xunta tardarán. Tamén queremos ampliar a casa niño, crear unha cooperativa de traballo asociado e pór en marcha un servizo de comedor sobre rodas para as persoas maiores. Mellorar e ampliar a oferta en matería de servizos sociais serán prioridades neste mandato.
-O proxecto da beira do río será unha das propostas nas que traballar?
-É algo moi ambicioso e precisarase moito diñeiro para levalo a cabo. É unha gran proposta, por iso foi recoñecida co premio acadado, mais é preciso acceder a axudas para materializala. Iremos facendo o traballo na medida das nosas posibilidades.