O fotógrafo que espallou o patrimonio pechou a súa carreira percorrendo a Ribeira Sacra
17 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Nin décima de segundo emprega Mani Moretón para decidir cal é o espazo da cidade co que se sente identificado. Aquel rapaz que viviu os anos dourados dos ultramarinos e coloniais do barrio de A Ponte lembra os tempos de estudante, aqueles nos que cruzaba catro veces ao día a ponte para ir da casa aos diferentes centros nos que cursou os seus estudos. «Ás veces eran máis, e tamén viñamos polo viaduto do tren ou pola Ponte Nova. Era cando lle cadraba, para dar unha volta e variar un pouco a ruta de cando en vez».
Pasaron os anos, a mili, o regreso ao traballo en Moretón e a decisión de buscar novos camiños e experiencias. Comezou a interesarse pola fotografía nuns anos, primeiros 70, nos que a formación era autodidacta e a aprendizaxe tiña a base empírica da perfección a base erros e probas. Publicacións, libros e manuais daban resposta ao que non se atopaba nunha cidade «na que a fotografía non tiña consideración nin calidade». Naquelas xuntanzas do PC en Untes «había necesidade de imaxes, ou cando íamos á Cidade dos Muchachos xunto ao crego Suso». A antiga paixón polo negocio familiar trasladouse a unha nova realidade «e metinme de cheo no traballo fotográfico».
Nos primeiros anos tivo unha estreita relación con algunhas das persoas que xa están na historia da arte galega -Conde Corbal, Quessada, José Luis de Dios, Luis Borrajo, Virxilio e outros- e lembra con especial agarimo algunhas daquelas experiencias. «Íamos de excursión Pepe Conde Corbal, Santiago Lamas e máis eu a algunha romaría, ou a algún outro sitio para tomar apuntes. Logo chegaba xunto a el coas fotografías -18 x 24, branco e negro, ben tratadas- e Conde Corbal interpretábaas: Rachaba anacos ao tempo que dicía ?esto no me interesa; esta parte tampoco...? e quedaba cunha pequena parte da imaxe que lle levaba porque era o que buscaba para logo facer a súa obra. Eu, claro, quedaba destrozado coa desfeita». Garda un especial recordo de José Luis de Dios: «Era un verdadeiro pracer velo pintar ao tempo que conversaba contigo. E íache apuntando artigos ou publicacións para ler. E compartindo descubrimentos e experiencias: grazas a el funme atopando con autores como Álvaro Mutis, Italo Calvino, o Valente de Al dios del lugar, o Carlos Velo da Memoria erótica, e outros moitos textos».
Con José Hervella mergullouse no barroco e o patrimonio atrapouno. E chegou a etapa de colaboración con Caixa Ourense, daquela Carlos Quesada dirixía a obra social, e os grandes proxectos que levaron a súa sinatura. Grazas ao traballo de Mani Moretón, e través dos seus ollos, o gran público tivo a oportunidade de percorrer toda a riqueza e os recunchos menos coñecidos da catedral de Ourense, a monumentalidade de Oseira, o legado que deixou o Císter por toda Galicia e o norte de Portugal, a existencia dun extraordinario legado do que era autor un arquitecto que había que tirar do esquecemento -Vázquez Gulías-, a realidade dun froito que estaba a demandar a súa recuperación como a castaña -ademais do libro co profesor Ernesto Viéitez fixo A castaña como produto gastronómico-, o percorrido pola singularidade do Pórtico do Paraíso ou o Ourense de ouro. Entre outras moitas publicacións.
Das viaxes co desaparecido Damián Yáñez, bibliotecario de Oseira, para o proxecto do Monasticón cisterciense gallego garda unha chea de anécdotas: «Quería coñecer Pitões das Junias e alá fumos. Daquela no pobo pouco máis había que bosta de vacas por todos os camiños e unha taberna. Semellaba un mundo esquecido». Non se prodigou a nivel expositivo -«estaba moi metido no mundo editorial, porque despois case todas as grandes obras se entregaron por fascículos»- e decidiu entrar na categoría de xubilado logo de entregar un avultado e preciso proxecto sobre a Ribeira Sacra á Patrimonio. Aínda que non acouga: «Estou barallando proxectos a realizar. Deixei a fotografía pero sigo matinando en cousas para facer».