Cando o minifundismo da Ribeira Sacra se converte en material artístico

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Mar Suárez

Carla Souto desenvolveu un proxecto tomando como base as leiras familiares

07 dic 2019 . Actualizado a las 11:12 h.

A realidade sempre deixa un punto de fuga para sorprendernos. E o que semella ser unha fonte de problemas ou de episodios puntuais -limpezas, tramitacións burocráticas, lindeiros- pode converterse en calquera outra cousa. Poñamos por caso nunha obra de arte.

Como lle acontece a milleiros de habitantes das cidades galegas, as orixes familiares da escultora Carla Souto están chantadas nun pequeno pobo do interior de Galicia; neste caso nun lugar da Ribeira Sacra. En Loureiro (Nogueira de Ramuín) andan espalladas as leiras que forman parte do patrimonio familiar e a casa. A artista tiña coñecemento do territorio polas estadías de verán, ou de ir nalgunha fin de semana. Alí, en Loureiro, están as pequenas fincas da súa avoa que un día herdará a escultora -«agardo que sexa dentro de moito tempo porque primeiro terá que herdar miña nai»- e nin coñecemento de causa tiña delas.

O territorio como performance

Que non se coñeza non quere dicir que non exista. E Carla Souto apostou por converter en arte o que os galegos do común consideran unha fonte de problemas. E rematou por vivir entre xaneiro e abril deste ano en Loureiro, volvendo ás orixes, para desenvolver un proxecto artístico para o que contou cunha axuda do Injuve. Durante eses meses a escultora estivo a traballar na proposta que se poderá ver a partir de febreiro en Madrid. «O primeiro paso foi localizar as fincas, porque non sabía nin onde quedaban». Tirou os datos do catastro e a partir de aí encetou o proceso: limpou os terreos, debuxounos, percorreunos e mediunos de moitas maneiras posibles para dimensionalos nunha agrimensura humana -camiñando o perímetro das fincas, medíndoo coas mans e mesmo co corpo-. Os debuxos das parcelas, as fotografías realizadas durante todo o proceso creativo e os vídeos formarán as accións artísticas que se poderá ver en febreiro en Madrid.

«A axuda do Injuve -o Instituto de la Juventud- enmárcase nunha liña de apoio á produción de artistas emerxentes e as persoas que fomos seleccionadas exporemos os nosos traballos en febreiro e marzo na Sala Amadís. E logo xa organizarei unha mostra individual coa miña proposta en Galicia».

Mil e unha veces partidas

Na memoria do proxecto A partir del suelo, a proposta presentada, a escultora Carla Souto sinala que, como idea principal, se presenta o territorio como espazo de construción de identidades e fai alusión ao feito de que herdar no futuro as leiras propiedade da súa avoa e da súa nai farán que «deba ter a responsabilidade de preservar os dereitos da natureza». Tamén incide a artista na documentación da súa acción creativa nunha realidade social, a do minifundismo, que foi esnaquizando o territorio e todos os aspectos relacionados co mesmo: «Sorprendeume a desolación da realidade atopada. Xa non é só o territorio, é o minifundismo a nivel social, político, económico e tamén no mesmo carácter. E unha historia, unha realidade, que se foi partindo e partindo mil veces».

En definitiva, segundo sinala a artista Carla Souto na súa memoria, «esta proposta reúne a escultura, a paisaxe, o percorrido e a relación muller-natureza nun acto de transformación simbólica do territorio, de construción de identidades e de conciencia política».

«Habemos de ir ao bar de Loureiro na celebración do vindeiro 8M»

Carla Souto (A Coruña, 1994) graduouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo e fixo un mestrado en Escultura na Universidade de Lisboa. En Florianópolis (Brasil) cursou estudos de Moda, Artes Visuais e Artes Performativas e formouse en Arte Multimedia na Universidade de Porto.

Ten participado en residencias artísticas e conseguido premios en varias convocatorias.

E xunto aos méritos e o seu xa importante currículo expositivo, Carla Souto tense significado nas súas reivindicacións feministas. E nesa liña foi quen de promover unha das accións máis celebradas na última conmemoración do 8 de Marzo.

Mentres estaba a traballar no seu proxecto artístico en plena Ribeira Sacra ourensá promoveu a primeira manifestación feminista de Loureiro. E fíxose cunha acción máis que simbólica: ir ao bar do pobo. A escultora implicou ás mulleres do lugar, de entre 14 e 90 anos, a participar nunha manifestación polas rúas do pobo -de pouco máis de medio cento de veciños-.

Entre outras pancartas figuraba unha delas na que se podía ler «As mulleres do rural tamén poden ir ao bar», e precisamente alí rematou a manifestación: nun bar que sempre está cheo de homes, que quedaron abraiados cando viron entrar ás máis de vinte mulleres que participaron na marcha feminista.

A artista anda agora por Madrid a traballar nos seus proxectos, aínda que ao ser consultada non dubida: «Home non! Habemos de ir ao bar de Loureiro na celebración do vindeiro 8M. Como ten que ser!».