De entrada e para que non haxa dúbida de ningunha caste quede claro que estou de acordo, punto por punto, co crítico gastronómico suízo Wolfgang Fassbender. O tal apunta que se debe deixar de comer polbo para facilitar a calidade de vida do animal e que os excesos de capturas e algúns dos métodos empregados para collelos -non no caso das nasas polbeiras- danan os fondos mariños. Recoñece, o noso amigo Wolfgang, que non é un prato común no seu país e que pouco polbo leva comido, cousa que non lle tira criterio e siso ás súas palabras e ao seu xuízo.
Da mesma opinión era Philip Stone -«A laranxa mecánica», «Indiana Jones e a derradeira cruzada» e moitas outras- quen puxo cara e noxo e rexeitou con todas as súas forzas catar o polbo á feira cando estivo por terras de Oseira rodando «Monsignor Quixote», sobre a obra de Alec Guinness, para a BBC. E mesmo apoio a Gwyneth Paltrow na súa campaña pedindo que se deixe de comer o tal cefalópodo por ter unha intelixencia superior.
Argumentos todos eles, como outros que tal tentarei de apañar, que se lle deberían facer chegar aos mercados que están a demandar cada vez máis produto, de USA a Xapón, porque iso está deixándonos sen material, metendo polbo de Marrocos e doutros países -de menor calidade- e derramando os nosos petos. Que a pouco que sigamos así vai chegar a prezo de caviar.
E mentres iso acontece vou facerlle caso a Isaura e a Paco, polbeiros egrexios, e seguirei mantendo a tradición de ir coller algunha tallada na derradeira feira do ano. A do 31.