A curta «Primer amor» e «Los girasoles ciegos» foron os outros traballos do director
11 feb 2020 . Actualizado a las 12:10 h.Hai imaxes que van rematando por ser a icona dunha iniciativa, un proxecto ou calquera outra actividade. Poñamos por caso una película. En A lingua das bolboretas, a película rodada por José Luis Cuerda en Allariz -de forma maioritaria- e outros espazos de Galicia, ben podería ser aquela na que o mestre, interpretado por Fernando Fernán Gómez aparece escoltado por máis dunha ducia de rapaces á beira do río. Como a da Praza de Abaixo convertida nun patio de recreo ou o local dun antigo banco virado en espazo de ensino, soños e descubertas.
A gravación de A lingua das bolboretas en Allariz converteuse nun acontecemento na vila, e para o director foi a porta de entrada a unha relación con Ourense que xa non fixo máis que medrar ata ser o espazo onde se rematou por reivindicar Cuerda como veciño por desexo e vontade propia.
Aínda que as referencias que sempre se asocian ao realizador de cine que finaba a pasada semana son a cinta rodada en Allariz e Los girasoles ciegos -gravada en Ourense- hai un terceiro proxecto que desenvolveu na provincia, aínda que o percorrido e a repercusión do mesmo non foron iguais ao ser un traballo para unha canle audiovisual.
Logo de pasar o verán de 1998 metido entre tomas e metraxes para crear a obra baseada en relatos de Manuel Rivas incluidos en Que me queres, amor?, José Luis Cuerda regresaba á provincia para gravar unha curtametraxe. As cores das viñas do Ribeiro no outono eran o pano de fondo escollido para a rodaxe de Primer amor, unha curta protagonizada polos actores Claudia Molina e Adrián Fernández. Tamén desta volta o director tomaba un relato do escritor galego como base para o seu traballo e o desembarco dos técnicos e todos os equipos convertéronse nun acontecemento en Cabanelas (O Carballiño). Naquel final de novembro os veciños de Cima de Vila non deixaban de achegarse ata a fonte e a viña por baixo dela e do lavadoiro para ver como era iso do cine. A presenza de Cuerda en Cabanelas tiña como mentor ao xefe de programas de Canal Plus, Manuel Villanueva, e a previsión pasaba por estrear Primer amor en xaneiro, no Festival de Curtametraxe da Habana.
Maribel Verdú e Javier Cámara
O derradeiro traballo para o cine que Cuerda rodou na provincia de Ourense chegaba á cidade en setembro do 2007. Desta volta con Maribel Verdú, Javier Cámara e Raúl Arévalo entre os protagonistas. A película adaptaba a novela do mesmo título de Alberto Méndez e a gravación converteu o casco histórico ourensán na cidade na que se desenvolvía a historia ambientada no remate da guerra civil española.
A súa presenza no Ribeiro -primeiro en Pradela de Moldes (Boborás) e logo en Cubilledo (Leiro)- e a súa faceta como adegueiro tamén o levaron a facer un documental sobre a zona: Ribeiro de Avia. Vida, cultura e viño é o seu título.
Do «dobre de luz» de Fernán Gómez ao rapaz que non colleron e rematou na cinta
Máis de vinte anos despois da rodaxe de José Luis Cuerda en Allariz aínda se lembra como un acontecemento a gravación de A lingua da bolboretas. E, como en todo, a experiencia deixou bos recordos e vivencias que non foron tan marabillosas; aínda que mudaron co tempo.
A Jesús Rivera non se lle pasaba pola cabeza participar na rodaxe. «O que pasou é que había un rapaz de aquí de Allariz que era o que collía á xente. E pola estatura e pola forma viu que era a persoa que necesitaba para ser o dobre de luces de Fernando Fernán Gómez», explica. E así se pasou a rodaxe: «Eu poñíame onde me mandaban, enfocaban e medían a luz e logo xa me retiraba para que gravasen», e aí era onde xa estaba Fernán Gómez. Só aparece unha vez en pantalla, aínda que non se lle ve: «Cando o rapaz non dá respirado e hai que metelo na auga do río para que reaccione o que fixo a escena fun eu, aínda que obviamente enfocáronme de costas para sustituír a Fernán Gómez». Nunca vira como se gravaba una película «e daquela foi unha festa. E como estabamos moita xente do pobo foi unha marabillosa experiencia».
A Jorge Feijoo Calviño, Pukas, non o colleron na selección de extras para a rodaxe, aínda que cando o seu irmán foi coller a roupa «déronma a min tamén porque faltaba xente». Tiña nove anos e rematou canso: «Eran as vacacións de verán e había que erguerse moi cedo, e estar moitas horas agardando», así que non foi unha experiencia satisfactoria.
Valorar a experiencia co tempo
Aquela etapa que rematou por non deixar un bo pouso nas lembranzas daquel cativo de nove anos mudou co temo. «Si que o valorei logo. Co paso dos anos, e ao ver alí a todos os veciños e aos amigos, sentinme orgulloso de ter participado na rodaxe». Pukas é o rapaz que aparece na mítica foto diante de Fernán Gómez, todo gabancioso coa súa camisa branca, os seus tirantes e as mans diante do peito.
Demandan que a Deputación nomee ao director como «fillo adoptivo da provincia»
Os grupo socialista na Deputación de Ourense vén de presentar unha iniciativa para que a institución provincial proceda a distinguir ao realizador co nomeamento de «fillo adoptivo da provincia». Dende o PSdeG-PSOE lembran que en casos como o de José Luis Cuerda, «ante os seus extraordinarios e evidentes méritos en beneficio de Ourense», o regulamento para a concesión de distincións e honores contempla a posibilidade de proceder a materializar o acordo por aclamación, sen ter necesidade de promover a apertura e tramitación dun expediente de honores.
Dende o grupo socialista consideran que «é preciso que as institucións públicas de Ourense materialicen, con toda a premura posible, unha merecida homenaxe a este xenio que, nas súas propias verbas, amaba unha provincia da que quedou prendado tras rodar en Galicia El bosque animado, a finais dos anos oitenta».
Na iniciativa do PSdeG-PSOE lémbrase que o director de Amanece que no es poco, Todo es silencio ou Tiempo después -a súa derradeira película- era «veciño da comarca do Ribeiro, na que tiña unha casa e unha bodega de viño» e que se tiña convertido nun «dos embaixadores das virtudes de Ourense ó longo de último cuarto de século, a través das súas películas, textos, verbas e louvanzas». Por todo iso o realizador «merece o máis alto recoñecemento que as institucións lle poden outorgar», considerando que o nomeamento como fillo predilecto da provincia sería unha merecida homenaxe a «unha gran figura das artes e da cultura que sempre presumiu da nosa provincia», segundo se sinala na iniciativa do PSdeG-PSOE.